6 títulos e 1 colección da Editorial Galaxia son finalistas nos Follas Novas

Categoría: Nova

Os prestixiosos Premios Follas Novas do Libro Galego completan a súa fase final escollendo seis libros e unha colección da Editorial Galaxia, entre os seus finalistas.
Na categoría de Ensaio e investigación, resultou escollida a obra Castelao. Construtor da nación. Tomo III. 1940-1950, de Miguel Anxo Seixas Seoane, que completa o estudo arredor do intelectual rianxeiro. En Divulgación,  H2… Oh!!! Pingas científicas, de María Canosa, ilustrado por Luz Beloso, e Vermellos e laicos. A represión fascista do maxisterio coruñés, pertencente á colección Memoria Histórica de Editorial Galaxia, de Narciso de Gabriel.
Na categoría Narrativa, foi seleccionada a novela As malas mulleres, Premio Blanco Amor 2021, de Marilar Aleixandre.
En Iniciativa bibliográfica, destacaron a nova colección Memoria Histórica, de Galaxia.
Notas sobre a extinción, de Marta Dacosta Alonso, resultou finalista na categoría Poesía e, en Teatro, Fillos do sol, de Cándido Pazó.
Os corenta e cinco finalistas desta edición dos premios Follas Novas son o resultado dun proceso que se ampliou neste ano a catro fases e que supón unha valoración completa de toda a produción editorial galega. O proceso supón unha primeira escolla con propostas das tres entidades organizadoras que supuxo a selección dun cento de títulos entre os publicados ao longo de 2021. Dese conxunto de obras, o xurado desta edición fixo unha primeira escolma da que resultaron un total de noventa obras candidatas aos premios. A terceira fase de selección é a actual, na que o xurado escolleu as obras finalistas por cada categoría. O proceso terá o seu cumio o vindeiro sábado, 7 de maio, co anuncio das obras, inciativas e profesionais gañadoras.
Os premios Follas Novas do Libro Galego, que valoran a produción literaria e editorial en Galicia durante o ano 2021, escolleron aos finalistas para esta edición que suman corenta e cinco candidatos entre títulos, iniciativas, proxectos e profesionais. As gañadoras dos premios Follas Novas 2022 daranse a coñecer na gala a celebrar o vindeiro 7 de maio no Teatro Principal de Compostela, unha celebración que, despois de dous anos, recupera o seu carácter presencial pero continuará sendo emitida dixitalmente. Os premios están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Contan co apoio da Deputación da Coruña, Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e a Xunta de Galicia.
Estes galardóns entréganse como parte dun evento cultural de carácter anual que ten por finalidade distiguir as mellores obra e iniciativas literarias de cada ano (sempre a ano vencido). Os convocadores son a Asociación Galega de Editoras, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email