Hoxe, na Estrada, na Casa do Concello, reuniuse o xurado para escoller a obra gañadora desta II edición do Premio de Álbum Ilustrado “Alberte Quiñoi”, formado por Andrea Jamardo Seijo, Sara Valcárcel, Rosa de Cabanas, Armando Requeixo, e Carlos Loureiro, como secretario.
Despois de valorar os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, o xurado acordou, por unanimidade conceder o II Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi á obra titulada “As filloas de Manola”, que se presentou baixo o pseudónimo “A saltarica mediaslongas”. Unha vez aberta a plica, esta resultou ser da autoría de Blanca Rodríguez Millán e Ramiro José Peralta Torres.
O xurado quixo destacar neste álbum ilustrado a impecable confección da súa aposta plástica e textual, que conforman un relato cheo de matices para soster unha historia que defende os valores da xenerosidade nas relacións interpersoais, ao tempo que nos introduce no mundo da nosa tradición actualizada.
Esta proposta, ganduxada con moita atención ao detalle, e asentada en estruturas narrativas de habelenciosa execución, logra transmitir unha mensaxe vitalista que nos reconcilia coa esperanza dun mundo máis solidario e afectivo.