Dous libros de Galaxia, finalistas nos Premios Frei Martín Sarmiento

Categoría: Nova

Como lágrimas na chuvia, Premio Lazarillo 2019, de Jordi Sierra i Fabra, traducido por Xesús Domínguez Dono, e Virtudes (e misterios), Premio Nacional de Narrativa 2021, Premio Blanco Amor 2019, Premio da Crítica de Galicia 2021, de Xesús Fraga, resultaron finalistas na 5ª categoría dos Premios Frei Martín Sarmiento.
Este é un dos galardóns máis prestixiosos do noso sistema literario pois son o alumnado e profesorado os encargados de decidir cales dos libros publicados nos dous últimos anos son, segundo o seu punto de vista, os mellores.
Publicada en Costa Oeste, Como lágrimas na chuvia, de Jordi Sierra i Fabra, a través dunha linguaxe moi próxima á mocidade, e coa outra paixón do autor como marco, a música, retrata o fracaso, o éxito, a traizón, a fama e a amizade; en definitiva, a condición humana.
Xesús Fraga constrúe, en Virtudes (e misterios) unha historia que se centra nas vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas marcada pola emigración, historia que tamén é a da segunda metade do século XX, e que vai medrando coma quen vai pintando un lenzo a base de sensacións, recordos, fotografías, o diario dunha nai e a voz das testemuñas que poden contar. Unha obra que ten moitas lecturas e moitos vieiros, polos que o autor nos leva coma se fosen as liñas do metro de Londres, a cidade ao redor da que gravitan os personaxes da novela. É, tamén, a historia dun neto asombrado e dunha avoa poderosa. A historia dos que marchan e que, cando regresan, nin eles son os mesmos nin a terra que deixaron é a mesma.
Unha gran nova que enche de ilusión a nosa fábrica de libros.

Comparte nas túas redes sociais ou por email