“A miña lingua, a túa lingua”, participará no programa ‘FalaRedes’ da Xunta

Categoría: Nova

Hoxe, ás 13 h, presentouse, en Santiago de Compostela, o programa ‘FalaRedes’ 2022 da Xunta de Galicia. A Editorial Galaxia participará, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e Merlín Comunicación, co espectáculo A miña lingua, a túa lingua. A cabra Lu, de OVIRAVAI.
Coa chegada da primavera, ponse en marcha unha nova edición deste programa de dinamización lingüística, que encherá de actividades en galego o tempo de lecer nos concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística ata o final do ano.
A miña lingua, a túa lingua, é un proxecto multidisciplinar dirixido ao público familiar, especialmente centrado nos nenos e nenas con idades comprendidas entre os seis e os once anos. OVIRAVAI busca que a lingua galega ocupe o tempo de lecer destes nenos ao tempo que acceden ao coñecemento do inglés dende a lingua galega. O grupo, está formado por artistas de longuísima traxectoria na música galega para pequenos e pequenas. Da súa man naceron libros como Paio e o poder da música ou As andanzas de Paio, publicados na Editorial Galaxia.
A través dun espectáculo dinámico, interactivo e divertido, cheo de cancións doadas de lembrar, moi do agrado dos nenos e nenas, o grupo busca que a cativada saia cantando en galego e en inglés do auditorio.
Entre os obxectivos desta campaña, destacan: contribuír á consolidación e o fomento do uso da lingua galega entre os nenos e nenas no seu tempo de lecer e no seu ámbito familiar, así como no coñecemento da lingua inglesa dende o galego; axudar á consolidación e o fomento do hábito lector nos rapaces destas idades e animar a lectura na nosa lingua; asociar a lingua galega a expresións estéticas de calidade, como a música e a poesía.
OVIRAVAI é unha compañía galega,  adicada ao desenvolvemento de contidos educativos e culturais para público infantil e familiar. Os seus fundadores, Verónica Santalices e Federico Welicki, xunto con Erika Welicki Santalices e Xacob Welicki Santalices, conforman o núcleo principal dun equipo que conta con mais de 15 artistas de diversas disciplinas.
Eles mesmos consideran a compañía como unha fábrica de soños. Soños que mediante personaxes como o Teixugo Paio, o Oso Aurelio, ou a Moucha Anacleta, entre moitos outros, convirten en realidade a través da música, os espectáculos e os libros.
Sempre é bo momento para soñar. Sempre é bo momento para rir. Sempre é bo momento para cantar….Ríe, canta e soña coa familia OVIRAVAI.

Comparte nas túas redes sociais ou por email