Xosé A. Neira Cruz gaña o IV Premio Carlos Mosteiro

Categoría: Nova

Reunido nas dependencias municipais da Pobra do Caramiñal esta mesma mañá, un xurado composto Marta Neira Rodríguez, experta en Literatura Infantil e Xuvenil (LIX),  a escritora Loretta Birott Bermejo, e Francisco Castro, escritor e director xeral de Editorial Galaxia, decidiu por unanimidade declarar gañadora do IV Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro a obra Por mor de cinco pizzas aos catro queixos, de Xosé A. Neira Cruz.
O xurado quere destacar, en primeiro lugar, a alta calidade dos 29 traballos presentados a este certame. De feito, quere deixar constancia do seu desacougo por non poder premiar máis orixinais, pois hai cando menos catro novelas presentadas que poderían ser merecentes do galardón.
Sobre a obra gañadora, o xurado destacou o seu fino sentido do humor á hora de elaborar unha historia sorprendente protagonizada por uns curiosos personaxes que van facer da solidariedade e da loita en común, bandeira á hora de conseguir os seus obxectivos recurrindo ao inxenio. Destaca tamén o uso dos diálogos que fai que a novela se lea dunha sentada sen que esmoreza o interese en ningún intre. Organizada en quince capítulos, asistimos a unha viaxe chea de ingredientes saborosos, coma as auténticas pizzas italianas. Ratos, homes, retos, aventuras. Unha historia perfecta para a cativada que vai engancharse con facilidade ás aventuras protagonizadas por Piero e Bárbara.
Este certame foi concibido como un medio para promover aos novos autores en lingua galega do eido da literatura infantil, así como para renderlle homenaxe a Carlos Mosteiro. Nas súas dúas primeiras edicións, os galardóns recaeron en Patricia Mallo e Xosé Antonio Neira Cruz, que este ano volve a alzarse co galardón. Na terceira quedou sen adxudicar por decisión do xurado.
Nado en Compostela, en 1968, Xosé A. Neira Cruz, é un dos autores de libros dirixidos a público infantil e xuvenil máis relevantes do panorama galego actual. Licenciado en Filoloxía italiana e en Ciencias da Información. En 1989 obtivo o premio Merlín por Ó outro lado do sumidoiro, o seu primeiro libro publicado. Logo apareceron outros como Melanio e os paxaros e Os gatos de Venecia. Gañou en dúas ocasións o premio Barco de Vapor con Valdemuller e Os ollos do Tangaleirón. Entre a súa produción destacan outros títulos como O armiño dorme, A memoria das árbores e O xenio do sultán.
Recibiu en 2008 o Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques con ‘O punto da escarola’, e en 2009 o Manuel María de Literatura Dramática Infantil pola súa obra ‘Sopa de xarope de amora’, sendo así recoñecido por segundo ano consecutivo nos galardóns literarios que convoca a AGADIC.
En 2019 recibiu o Premio Carlos Mosteiro con O enigma do bául pechado; e vén de gañar o Premio Raíña Lupa con O enigma de Santiago.

Comparte nas túas redes sociais ou por email