O xoves inauguramos o Obradoiro de Poesía, da EDL, con Elvira Ribeiro Tobío

Categoría: Nova

O xoves 2 de decembro inauguramos o derradeiro obradoiro desta segunda edición da Escola de Letras, da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, en Pontevedra.
A poeta e docente Elvira Ribeiro Tobío, que este ano debuta como parte do profesorado da Escola, será a encargada de pechar esta edición co Obradoiro de Poesía, que se celebrará durante dúas sesións, os días 2 e 9 de decembro, no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación Provincial de Pontevedra ( Avda. Montero Ríos, s/n),  en horario de 18 a 20 h.
Baixo o título de “Poesía potente”,  Ribeiro impartirá o seu obradoiro, que estará baseado en exercicios prácticos para o alumnado. Baseándose na literatura formalista, a docente achegará todas as posibilidades da escrita ao alumnado, achegando exercicios de ludolingüística ou figuras de repetición, dende as máis lixeiras ata as máis audaces; así como exemplos da literatura galega e outras literaturas que farán que as alumnas e alumnos teñan unha visión máis clara do panorama poético actual.
Antes deste obradoiro Inma López Silva realizou dous Obradoiros Literarios en Vigo e Pontevedra; Antonio García Teijeiro impartiu un Obradoiro de Poesía en Vigo; Anna R. Figueiredo o Obradoiro: Escribir unha novela; e Diego Giráldez o seu Obradoiro Literario, na capital provincial.
Elvira Ribeiro Tobío (Pontevedra, 1971) Para público adulto deu ao prelo Andar ao leu (2005), Arxiloxa (2005), Biografía da Multitude (2009), carnia haikai (2012), corpos transitivos (2013) e Welcome to Sing Sing (2017). No ámbito da literatura infantil, publicou os volumes pAlAbrAs brAncAs (2008), As redes de Inés (2014), a biografía da pintora Maruja Mallo na colección Mulleres Bravas da Nosa Historia (2017) e mais os álbums ilustrados Ola!, son un bicho bóla! (2019) e Mar de mazá (2020). Dedícase fundamentalmente á docencia e á tradución.

Comparte nas túas redes sociais ou por email