
Escola de letras
A Escola de Letras que promoven a Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia é un proxecto formativo arredor da literatura e a escrita literaria, pioneiro en Galicia e sen moitos precedentes no conxunto de España. A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra é un proxecto que pretende constituirse nun motor de actividades centradas na Literatura, na Escrita Creativa e no goce da palabra.
A Escola de Letras, toda a súa oferta formativa e loxística de funcionamento (convocatoria de obradoiros, xestión do alumnado, contratación e pago do profesorado, comunicación, mantemento de redes sociais, edición dos libros, etc.) é un traballo feito polo equipo de profesionais da Editorial Galaxia.
Unha actividade formativa de gran poder lúdico que aúna literatura con pracer e que permitirá, aos asistentes, gozar dos libros, da lectura e da escrita dunha maneira nova e insospeitada.
Obradoiros literarios
A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra ofrecerá unha oferta formativa ao longo do ano baseada, fundamentalmente, na celebración de Obradoiros Literarios dirixidos por escritoras e escritores do noso país, nas cidades de Vigo e Pontevedra. Será unha formación impartida por autoras e autores de dilatada traxectoria e con experiencia na dirección de obradoiros para todos os chanzos de idade. Pensamos nas escritoras e escritores máis importantes do noso país para que se impliquen neste proxecto.
A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra nace coa pretensión de ofrecer á cidadanía unha oportunidade para darlle azos á súa imaxinación, ao gusto pola literatura e, sobre todo, para demostrarlles que, ben dirixidos, poden ser quen de crear textos literarios propios.
Ademais da celebración de toda clase de Obradoiros Literarios, organizaranse encontros con profesionais da literatura e da edición, recitais, e, ao final do ano, a edición dun libro que recollerá traballos dos e das participantes.
A actividade formativa desenvolverase a través de obradoiros con 15 prazas cada un e estarán dirixidos sempre por autoras e autores de ampla traxectoria.
A acción da Escola de Letras incluirá encontros con profesionais do mundo do libro e recitais con público nos que as escritoras e escritores poden dar a coñecer o froito do seu traballo.
Dentro do catálogo da Editorial Galaxia publicarase un libro que recollerá, polo menos, un traballo de cada participante.
As dúas entidades promotoras, a Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, traballarán para estar presentes nas redes sociais co fin de crear unha comunidade arredor do proxecto que sirva como ferramenta de comunicación continua entre as persoas participantes e co conxunto da cidadanía antes, durante e despois da actividade.
En Vigo celebraranse, na sede da Deputación de Pontevedra (Rúa Eduardo Chao, 17), en horario de 18 a 20 h:
- Obradoiro Literario con Inma López Silva: (1, 8, 15, 22 e 29 de marzo; 12, 19 e 26 de abril)
- Obradoiro de Poesía con Marta Dacosta: (7 e 14 de marzo)
- Obradoiro Literario con Esther F. Carrodeguas: (3, 10, 18, 24, 31 de maio)
En Pontevedra celebraranse, na sede da Deputación de Pontevedra, en horario de 18 h a 20 h:
- Obradoiro Literario con Inma López Silva: (2, 9, 23, 30 de marzo; 13, 20, 27 de abril; 4 de maio)
- Obradoiro de Poesía con Antonio García Teijeiro: (3 e 10 de maio)
- Obradoiro Literario con Diego Giráldez: (12, 19 e 26 de setembro; 2, 9, 16, 23, 30 de outubro)
Docencia
Novidades
Seguídenos nas redes para coñecer todas as nosas novidades