Galaxia publica o último libro de Carlos Callón: “A abertura da boca”

Categoría: Nova

Acaba de chegar ás librarías este poemario “sobre a fraxilidade”, “porque cómpre falarmos das nosas fraxilidades para podermos seguir adiante”.
Carlos Callón: “Abrir a boca salvoume”.
Esta semana chegou ás librarías o último poemario de Carlos Callón, A abertura da boca, co cal o autor sente que “fecha unha etapa”, tras os volumes Atravesar o fantasma e Inscricións (este último, tamén editado por Galaxia, en 2019). O título da obra fai referencia a un ritual relixioso que existiu no Antigo Exipto (a abertura da boca ou uep-rá), polo cal se conseguía que unha momia recuperase as funcións de se alimentar, comer, beber, respirar e ollar, ou que unha estatua cobrase vida. Callón sinala que “convocou esta metáfora” para “traballar a través dela a fraxilidade e a procura dunha saída á falta de desexo que caracteriza a depresión”.
Callón explica que a primeira versión do poemario xa estaba terminada antes da pandemia, mais que a obra acabou por ser modificada tras a irrupción da covid19. “Penso que é útil que se faga agora pública, porque estamos nun momento onde cómpre falarmos colectivamente das nosas fraxilidades para podermos seguir adiante”, indica.
O poeta considera que se trata dun libro “cunha certa dureza, pois é testemuño dunha dor que non se deixaba asimilar”, mais que “fronte ao que non podemos dixerir nin nomear, podemos tentar a invención a partir das palabras”. Na súa opinión, “se a poesía aínda é tan útil é por ser un xeito de rompermos a linguaxe para así falarmos daquilo para o cal a linguaxe non é suficiente”. Por iso, segundo Callón, tamén se pode dicir que “estes poemas son os esconxuros dun artificieiro: hai a sensación de que a bomba podería estourar, mais non estourou”. “Podo afirmar, pois, que me salvou abrir a boca”, sinala, facendo un xogo co propio título da obra.
Que o libro sexa un “testemuño da fraxilidade” fai que o autor considerase necesario escribir un pequeno prefacio para estes versos. Nese prólogo indícase: “A que aquí se esborrancha foi, con efecto, unha certa estadía nun certo inferno. Polo menos, non fiquei a vivir alá. Non é pouco. Non é pouco.”
Carlos Callón, nado en Ribeira en 1978, é profesor de Xeografía e Historia no Instituto Espanhol de Lisboa. Ocupou máis dunha década a presidencia da Mesa pola Normalización Lingüística, institución na cal é presidente de honra. Publicou varios poemarios e ensaios, polos cales gañou premios como o Careón ao conxunto da súa carreira literaria, os Concello de Ames e Fernández del Riego de poesía, os Vicente Risco e Fervenzas Literarias de ensaio, entre outros.

Comparte nas túas redes sociais ou por email