Onte inauguramos o Obradoiro de Poesía, da Escola de Letras, con Elvira Ribeiro Tobío

Categoría: Nova

Onte inauguramos o derradeiro obradoiro desta segunda edición da Escola de Letras, coa poeta e docente Elvira Ribeiro Tobío, en Pontevedra.
Acompañando a Ribiero e ao alumnado, asistiron Victoria Alonso, deputada de Cultura, Paula Cabaleiro, directora de Cultura da Deputación de Pontevedra, e Carlos Lema, director de edicións de Editorial Galaxia.
Remata o ano e con el a segunda edición da Escola de Letras, impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia baixo a dirección de Francisco Castro. E faino con poesía. Este xoves arrancou no edificio administrativo da institución provincial en Pontevedra o último dos obradoiros que será impartido pola escritora Elvira Ribeiro e cuxa segunda xornada terá lugar o 9 de decembro.

Baixo o título de “Poesía potente”,  Ribeiro impartirá o seu obradoiro, que estará baseado en exercicios prácticos para o alumnado. Baseándose na literatura formalista, a docente achegará todas as posibilidades da escrita ao alumnado, achegando exercicios de ludolingüística ou figuras de repetición, dende as máis lixeiras ata as máis audaces; así como exemplos da literatura galega e outras literaturas que farán que as alumnas e alumnos teñan unha visión máis clara do panorama poético actual.
Natural do concello de Pontevedra, Elvira Ribeiro é unha escritora, tradutora e ceramista que se dedica fundamentalmente á docencia é á tradución.
Para público adulto deu ao prelo Andar ao leu (2005), Arxiloxa (2005), Biografía da Multitude (2009), carnia haikai (2012), corpos transitivos (2013) e Welcome to Sing Sing (2017). No ámbito da literatura infantil, publicou os volumes pAlAbrAs brAncAs (2008), As redes de Inés (2014), a biografía da pintora Maruja Mallo na colección Mulleres Bravas da Nosa Historia (2017) e mais os álbums ilustrados Ola!, son un bicho bóla! (2019) e Mar de mazá (2020).
Antes deste obradoiro Inma López Silva realizou dous Obradoiros Literarios en Vigo e Pontevedra; Antonio García Teijeiro impartiu un Obradoiro de Poesía en Vigo; Anna R. Figueiredo o Obradoiro: Escribir unha novela; e Diego Giráldez o seu Obradoiro Literario, na capital provincial.
Ademais dos distintos obradoiros, a Escola tamén levou a cabo unha masterclass titulada “Escoitando a Rilke. Que nos di o poeta sobre como escribir”, impartida polo director Francisco Castro. Con todas estas actividades a Escola busca ofrecer ao conxunto da cidadanía a posibilidade dunha formación literaria da man dalgunhas das figuras máis importantes do panorama galego actual.

Comparte nas túas redes sociais ou por email