A segunda edición do premio de novela Camiño de Santiago, convocado pola Academia Xacobea coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia, e o patrocinio de Aluminios Cortizo, xa ten gañador.

Despois de analizar a decena de obras presentadas, o xurado decidiu conceder o galardón a “Cruzados polo Camiño. Conxecturas compostelás sobre un Papa ilustrado”, un orixinal presentado por José G. Barral Sánchez.

“O autor narra con solvencia narrativa e un sutil humor que sobrevoa cada páxina as aventuras dun sacerdote algo ‘sui géneris’ que investiga estraños atentados contra o patrimonio de importantes igrexas vinculadas á peregrinaxe a Compostela, ao mesmo tempo que as autoridades se preparan para recibir coa seguridade necesaria unha visita do Papa a Compostela. O autor é capaz de construír unha historia que mestura o xogo de investigación coa reflexión sobre os retos da relixiosidade en épocas de tendencia secular, mantendo o auxe e levándonos polos escenarios simbólicos, emocionais e reais do Camiño”, explican os integrantes do xurado na acta que recolle a concesión do premio.

O autor galardoado, José G. Barral Sánchez, profesor xubilado nacido en Vigo en 1959 e residente en Baiona, xa publicou dúas obras con anterioridade: Por catro perras. Guía de tascas e tabernas de Vigo e a novela Último peaje. Agora, ademais de recibir os 3.000 euros cos que está dotado este segundo Premio de Novela Camiño de Santiago, a súa obra será editada tanto en galego como en castelán pola Editorial Galaxia a través da súa colección literaria e do seu selo Mar Maior, respectivamente.

Cruzados polo Camiño. Conxecturas compostelás sobre un Papa ilustrado únese ao palmarés deste premio inaugurado por Carlos Meixide con Camiño de paixóns e pasa a formar parte da biblioteca da Academia Xacobea integrada tamén por Escenas, imaxes e sons do Camiño, de Jesús Curros Neira, e Das viaxes maiúsculas, de Domingo Tabuyo, obras gañadoras, respectivamente, das primeiras convocatorias dos certames de ensaio e poesía, ademais de Crónica dun peregrino singular, volume colectivo editado por Mundiediciones en galego e castelán.

O xurado deste certame estivo integrado polo presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou; Francisco Castro, director da Editorial Galaxia; Mercedes Corbillón, propietaria da librería Cronopios; Armando Requeixo, profesor e crítico literario; Pilar Falcón, xornalista e escritora, e o académico Ulises Bértolo, como secretario. Ademais de decidir a obra gañadora, os membros do xurado acordaron outorgar un accésit, sen dotación económica, pero con diploma acreditativo, a Óscar Vázquez Lima e María Teresa Chamorro Álvarez por A túa pegada no meu Camiño.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR