Onte celebrouse o derradeiro obradoiro, da Escola de Letras, con Elvira Ribeiro Tobío

Categoría: Nova
Onte celebrouse a derradeira sesión do Obradoiro de Poesía, da Escola de Letras, da Deputación Pontevedra e a Editorial Galaxia con Elvira Ribeiro Tobío, na sede provincial da Deputación.
Baixo o título de “Poesía potente”,  Ribeiro impartiu o seu obradoiro, que estivo baseado en exercicios prácticos para o alumnado. A través da literatura formalista, a docente achegou todas as posibilidades da escrita ás alumnas e alumnos, facilitándolles exercicios de ludolingüística ou figuras de repetición, dende as máis lixeiras ata as máis audaces; así como exemplos da literatura galega e outras literaturas que propician que as persoas participantes teñan unha visión máis clara do panorama poético actual.

A polifacética docente, tradutora, ceramista e poeta, Elvira Ribiero Tobío, escribiu moi diversas obras; para público adulto deu ao prelo “Andar ao leu” (2005), “Arxiloxa” (2005), “Biografía da Multitude” (2009), “carnia haikai” (2012), “corpos transitivos” (2013) e “Welcome to Sing Sing” (2017). No ámbito da literatura infantil, publicou os volumes “pAlAbrAs brAncAs” (2008), “As redes de Inés” (2014), a biografía da pintora Maruja Mallo na colección “Mulleres Bravas da Nosa Historia” (2017) e mais os álbums ilustrados “Ola!, son un bicho bóla!” (2019) e “Mar de mazá” (2020), gañador do Premio Follas Novas na categoría de ‘Mellor Libro Infantil 2020’ e seleccionado pola OEPLI no ano 2020.

Antes deste obradoiro Inma López Silva realizou dous Obradoiros Literarios en Vigo e Pontevedra; Antonio García Teijeiro impartiu un Obradoiro de Poesía en Vigo; Anna R. Figueiredo o Obradoiro: Escribir unha novela; e Diego Giráldez o seu Obradoiro Literario, na capital provincial.
Con este derradeiro curso, damos por pechada a segunda edición da Escola de Letras, esperamos encontrarnos pronto, coas mesmas ganas de escribir, aprender e compartir.

Comparte nas túas redes sociais ou por email