Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2020
Coincidindo cunha das moitas viaxes de seu pai, Samuel Ron entra en contacto con Sara Santiso, unha estudante de xornalismo que está a investigar un enigma vencellado coa historia de Compostela. Algo que puxo en perigo a vida de Xoán, un amigo de Sara, quen, tras afondar en documentos descoñecidos, descubriu a existencia dunha trama que converte a Santiago nunha das capitais do tráfico clandestino de reliquias. O valor deses obxectos, e as súas lucrativas ganancias, fan que algúns, uns poucos poderosos, sexan quen de todo con tal de manter os seus privilexios. Mais tamén están André e o seu can Bretón. André vive na cidade desde hai uns meses, tocando polas rúas na procura dun lugar no mundo. Xuntos intérnanse nunha aventura inesperada e fascinante: a que pon en contacto dúas épocas para descubrirnos que, con independencia dos tempos, os seres humanos actúan sempre dun xeito semellante. Para ben e para mal. Quizais porque, en realidade, o tempo non existe.

Nacido en Compostela en 1968, é un dos autores de libros dirixidos a público infantil e xuvenil máis relevantes do panorama galego actual. Licenciado en Filoloxía italiana e en Ciencias da Información. En 1989 obtivo o premio Merlín por Ó outro lado do sumidoiro, o seu primeiro libro publicado. Logo apareceron outros como Melanio e os paxaros e Os gatos de Venecia. Gañou en dúas ocasións o premio Barco de Vapor con Valdemuller e Os ollos do Tangaleirón. Entre a súa produción destacan outros títulos comoA memoria das árbores (2001), O armiño dorme (Galaxia, 2003) Premio Raíña Lupa 2002, Eu son adoptada (Galaxia, 2004), Unha chea de familias (Galaxia, 2008), Jan estivo alí (Galaxia, 2009), O debut de Martino Porconi (Galaxia, 2008), O prodixio dos zapatos de cristalI (Galaxia, 2008), Un bico de amor e de vida (Galaxia, 2009), O sono das sereas (Galaxia, 2017) Premio de Narrativa Breve Repsol 2017, Os ollos do Tangaleirón (Galaxia, 2018), Antonio Fraguas (Galaxia, 2019), O enigma do baúl pechado (Galaxia, 2020) Premio Carlos Mosteiro de Literatura Infantil 2019, O enigma de Santiago (Galaxia, 2021), Valdemuller (Galaxia, 2023) e Por mor de cinco pizzas aos catro queixos (Galaxia, 2022).
Recibiu en 2008 o Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques con O punto da escarola, e en 2009 o Manuel María de Literatura Dramática Infantil pola súa obra Sopa de xarope de amora, sendo así recoñecido por segundo ano consecutivo nos galardóns literarios que convoca a AGADIC.