Dombate chega ao número 100

Categoría: Nova

Co poemario A herdade, de César Souto, a colección Dombate, iniciada en 1980 coa obra Estacións ao mar, de Xohana Torres, chega aos cen títulos.
Pódense sinalar tres períodos no desenvolvemento da colección. De 1980 a 2002, anos nos que Dombate publicou trinta e tres títulos de autores consagrados xunta poetas novos; de 2002 a 2016, época na que a liña editorial da colección se centrou fundamentalmente no poemario como unidade e criterio de escolla, non tanto no tipo de autoría nin nas tendencias poéticas en voga, e durante a que se publicaron 29 títulos, entre eles algunha tradución coma o Teatriños,de Erín Moure, e o esencial A rosa de ninguén, de Paul Celan; e o período presente, no que o criterio de actualidade e o tipo de autoría centran a atención da liña editorial coa incorporación da serie Dombate Especial, cun formato novo e a introdución da linguaxe iconográfica ademais doutras referencias a ámbitos expresivos inicialmente non estritamente poéticos.
Cen títulos que recollen os avatares de catro décadas de poesía galega e nos que destaca especialmente a liña editorial escollida en cada momento. Dombate é unha colección de poesía no catálogo dunha editorial fundamentalmente literaria aínda que tamén con ambición de editorial xeneralista; de aí a importancia da liña editorial e da súa singularidade fronte á das editoriais cun catálogo exclusivamente dedicado ao xénero poético, máis exhaustivo por necesidade de volume de produción e cunha liña non tan marcada, se cadra máis vencellada á historia da literatura e non tanto, coma no caso de Dombate, a autonomía editorial.
Durante estes máis de corenta anos de existencia, a colección publicou a poesía do momento á vez que recuperaba títulos sobranceiros doutras épocas coma os Poemas galegos, de Eduardo Blanco Amor, e as obras de autores esenciais coma Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Manuel Antonio. Títulos especialmente significativos desta colección son Herba aquí ou acolá, de Álvaro Cunqueiro, e a publicación de autoras coma Chus Pato, Helena de Carlos, Ana Romaní e María do Cebreiro.
A xeración dos poetas da década de 1980 tamén está presente na colección, con poemarios de Xosé María Álvarez Cáccamo, Xavier Rodríguez Baixeras, Miguel Anxo Fernán-Vello, Román Raña e Manuel Forcadela. Xunto a eles, poetas senlleiros coma Alfonso Pexegueiro, Darío Xohán Cabana e Gonzalo Navaza, ademais da descuberta de poetas, entre as que cómpre salientar a Oriana Méndez, e títulos fundamentais na obra de autores coma Manuel Outeriño e Paulino Vázquez. A eles engádense autores recentes coma Antón Blanco Casás, Alba Cid e a próxima incorporación de Arancha Nogueira, coa que a colección se volve vencellar a unha instancia de canonización externa, se nos seus incios foi o Premio Martín Codax, agora trátase do Premio Victoriano Taibo, co que se reforza o carácter actual da súa liña de publicacións.

Comparte nas túas redes sociais ou por email