Xa está nas librerías LUME DE COBIZA

Categoría: Nova

Con este novo caso, as aventuras do investigador consolídanse como unha das series policiais galegas máis populares. A serie de Soutelo comezou no 2002 con Un nicho para Marilyn e continuou con Luar no inferno e Tres disparos e dous friames.

O detective Frank Soutelo deixa Los Ángeles para resolver o seu primeiro caso en Galicia. Lume de cobiza chega ás librerías da man de Editorial Galaxia na súa colección Literaria, a mesma que acolle as anteriores entregas da creación de Miguel Anxo Fernández. A trama está ambientada na vaga de lumes que afectou o país non verán de 2006. A partir da morte por sobredose dun mozo, Soutelo meterase nunha espiral de descubertas nada agradables vinculadas con sectores como o da construción e a especulación inmobiliaria.

Co seu particular recurso ao humor e á retranca, Soutelo mergúllase na resolución deste caso ao tempo que fica asombrado polo furor incendiario e ve aflorar a súa agachada alma ecoloxista. Non faltará á cita o funerario Sugar Jones, outro dos personaxes habituais da serie, casualmente en Galicia para asistir a un congreso internacional da súa especialidade. Nin tampouco as acostumadas referencias cinéfilas. A novela transcorre en cidades como Compostela e Vigo, ademais de en vilas como Muros, Cambados e O Carballiño.

Comparte nas túas redes sociais ou por email