A voz das autoras soou en Compostela

Categoría: Nova

O pasado venres presentáronse no marco da Feira do Libro de Santiago os libros de Paula Señarís, 'Águeda e o misterio dos calcetíns' e o de Mercedes Queixas Zas, 'Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de María do Carme Kruckenberg', coa presenza da poeta biografada. Ambos os actos foron presentados polo editor Francisco Castro.
No acto centrado no libro de Paula Señarís, debutante na literatura con esta primeira obra que publicamos na colección Árbore 12 anos, houbo unha nutrida participación de público que se traduciu nunha importante ringleira de xente desexosa de que a xove autora lles asinase un exemplar. Todo un éxito neste seu comezo literario.
Despois, chegou o tempo da palabra repousada e sabia de María do Carme Kruckenberg quen sinalou que 'todo o que conto neste libro é verdade, está aí o meu corazón e a miña vida'. Antes, Mercedes Queixas Zas, como xa fixera nas presentacións previas en Vigo e A Coruña, explicou a xénese do proxecto e os anos de conversas e viaxes entre as dúas cidades para verse coa poeta e así confeccionar un libro de memorias que se le como o que o título pretende reflectir: unha aventura irrepetíbel. María do Carme Kruckenberg recolleu o agarimo, en forma de aplauso sentido, de todas e todos os que quixeron acompañala nun acto en Compostela que, en propias palabras, 'faime moi feliz'.

Comparte nas túas redes sociais ou por email