Faleceu o escritor e profesor Valentín Arias

Categoría: Nova

Na súa vila natal de Sarria (Lugo), na aldea de Vilerma, Maside, onde pasaba algunhas tempadas xunto con Amparo, a súa dona, faleceu repentinamente o escritor, profesor e mestre de tradutores galegos Valentín Arias.
Déixanos unha das figuras máis queridas da vida cultural galega e galeguista: mestre, militante do nacionalismo galego na clandestinidade (PSG), activista cultural, editor, ensaista, a súa actividade viña centrada nos últimos tempos na tradución, onde adquirira recoñecido prestixio ata ser considerado obrigada referencia dos tradutores galegos. Entre 1975 e 1978 fora xerente de Editorial Galaxia, onde iniciara con algúns compañeiros un importante proceso de renovación (vid. "Os séculos escuros", Xosé Luis Franco Grande), e onde publicou o seu primeiro traballo ensaísticos a prol do idioma galego, "A lingua galega na escola" (1969),.
Valentín Arias López nacera en 1934. Iniciou os seus primeiros estudos na Granxa Escola de Barreiros, fundada polo galeguista Antonio López, que dirixía daquela o profesor e ensaísta Avelino Pousa Antelo. Estes primeiros anos deixaron no Valentín mozo unha profunda pegada, que o acompañou sempre, interesado polo maxisterio e mais pola realidade labrega e a modernización do agro, experiencias que viviu ao carón do seu mestre, ata o punto de, entre 1955 e 1965, chegar a dirixir a devandita Granxa, onde iniciara os seus estudos.
Licenciado en Maxisterio exerceu esta profesión sobre todo en Vigo, ademais de na institución luguesa antes citada, e durante a transición foi un dos mestres máis activos na formación do profesorado para impartir lingua e literatura galega, así como na elaboración de programas didácticos e estratexias de renovación pedagóxica.
Colaborador en numerosas empresas culturais galeguistas, militante na clandestinidade antifranquista nas fileiras do PSG (Partido Socialista Galego), a súa principal actividade nos últimos tempos centrouse na tradución e mais na necesidade de dar pulo á edición galega, con especial atención ás novas xeracións de profesionais e de lectores.
A súa obra neste ámbito é enorme, dende clásicos universais (Grimm, Anrersen, Verne, Rodari, Maria Gripe), a literatura contemporánea (Le Clézio, as sagas islandesas de Skuli Gíslason, xunto con Fernández Romero, o "Diego Xelmírez" de Gordon Biggs xunto con María Tersa Fernández Colmeiro) ou comic: a serie de aventuras de Tintín entre outros. Da súa man, dirixindo unha equiao de tradutores, versionouse ao galego "El Quijote" de Miguel de Cervantes. Entre outros premios recibiu o Ramón Cabanillas de tradución e o Plácido Castro polo "Sobriño de Ramuau" de Diderot.
Era pai da poeta Xela Arias, unha das grandes realidades das letras galegas contemporáneas, falecida en novembro de 2003.
Valentín Arias foi cofundador e directivo da Asociación Galega de Tradutores, entidade que en setembro de 2008 o distinguiu como patriarca dos tradutores galegos. Xulián Maure, un dos fundadores da AGT, lembraba deste xeito a personalidades a significción de Valentín Arias, nas páxinas da revista GRIAL (nº 179):
"Nos últimos trinta anos Valentín Arias traduciu á nosa lingua milleiros de páxinas que hoxe, en centos de miles de libros, constitúen o máis importante patrimonio literario en moitos fogares galegos. Se pudiésemos imaxinar que unha forza maligna levase da nosa terra todo o traballo de Valentín veriamos cantos baleiros de producirían nas bibliotecas públicas e privadas de Galicia".

Comparte nas túas redes sociais ou por email