Víctor F. Freixanes, autor do ano, segundo os libreiros

Categoría: Nova

Víctor F. Freixanes vén de recibir o Premio Irmandade do Libro ao Mellor Autor do ano 2010, galardón que concede anualmente a Federación de Libreiros de Galicia e que se entregará o próximo sábado, 2 de abril, nunha cea literaria no concello de Narón (Ferrolterra). Segundo informa a devandita Federación, esa noite daranse a coñecer os premios nas outras modalidades: o libro do ano, unha iniciativa editorial, unha librería, unha institución e unha iniciativa a prol do fomento da lectura.

O galardón a Víctor F. Freixanes é o único que deron a coñecer oficialmente os libreiros antes da celebración da cea do próximo sábado. Considerárono o Autor do Ano pola publicación da súa novela "Cabalo de ouros" (Galaxia, 2010), logo de dezasete anos sen publicar obra de ficción ("A cidade dos césares", Xerais, 1993), mais tamén pola súa traxectoria literaria, non só como escritor, senón a prol da lingua e da literatura galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email