Galaxia na Feira de Boloña

Categoría: Nova

O pasado martes presentouse na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña o catálogo Galician Books for Children & Young People, que recolle produción galega destinada ao público máis novo do último ano. No acto interviñeron o subdirector xeral de Bibliotecas, José Daniel Buján Núñez; Manuel Bragado, presidente da Asociación de Editores Galegos, e Francisco Castro, presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) e editor da liña de infanto-xuvenil da nosa editorial. O catálogo realizouse en versión trilingüe, para garantir o acceso das linguas maioritarias da nosa contorna cultural, que serven tamén de ponte cara a outras demográficamente máis pequeñas.

Esta presentación, coa que cada ano as entidades implicadas e a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia impulsan no plano internacional a imaxe da edición galega destinada ás primeiras etapas da vida das persoas, confirma o crecemento de Galicia na calidade dos títulos ofertados, así como una presenza cada vez máis importante no exterior. Neste momento, contamos con editoriais que traballan simultaneamente en varias linguas, incluídas a inglesa e a castelá, e con ilustradoras e ilustradores demandados desde os países máis avanzados neste eido de Europa e de América.

Con todo, os profesionais e entidades vencelladas ao mundo da literatura infantil e xuvenil, e da edición en xeral, consideran que o momento de cambio que está a experimentar o libro, canto a contidos e soportes, e no que atinxe aos retornos económicos derivados da produción, require una atención especial para ocupar os novos espazos da globalidade, nos que os sistemas de comunicación e de información permítenlle á tradicionalmente considerada periferia competir en igualdade cos centros importantes recoñecidos ata o momento. Nesa liña hai que entender o interese que está a obter o proxecto Contoplanet entre os distintos editores do mundo que se achegan ao stand galego onde se atopan os nosos editores destacados na cidade italiana.

Comparte nas túas redes sociais ou por email