Xa está na rúa a nova novela de Paul Auster

Categoría: Nova

Un home, vello e só, está sentado nun cuarto no que hai unha ventá e unha porta, unha cama, un escritorio e unha cadeira. Non ten lembranzas. Tampouco sabe se pode saír ou non. Arredor hai apenas uns poucos obxectos: unhas fotos vagamente familiares, catro montóns de folios e unha serie de etiquetas con algunha palabra escrita a man. Velaquí o punto de partida da nova proposta do escritor americano.

A tradución é de Eva Almazán, que traduciu tamén Brooklyn Follies, novela que acadou un enorme éxito en toda Europa e nos Estados Unidos, presentada en galego ao mesmo tempo ca noutras linguas do Estado Español. Algo parecido sucederá con este novo título de Paul Auster, que o primeiro de febreiro aparece en castelán (Anagrama), catalán (Edicions 62), éuscaro (Alberdania) e galego (Galaxia).

Editorial Galaxia continúa deste xeito o seu labor de presentar aos lectores galegos, en lingua galega, os grandes títulos da literatura universal contemporánea. Hai poucas semanas que se distribuíron A casa dos encontros, de Martin Amis, A pensión Eva, de Andrea Camilleri, e A medición do mundo, do alemán Daniel Kelhmann. Nos próximos meses anunciamos O retorno, de Bernhard Schlink, Fuxir, de Jean-Philippe Tousaint, e Camposanto, de W. G. Sebald.

Trátase de enriquecer o sistema literario galego con títulos e autores universais de primeira liña, á par dos autores propios. No ano 2006, Editorial Galaxia publicou 37 novidades de carácter literario (autores galegos) e 18 traducións (4 de literatura infantil e xuvenil, entre elas Corto Maltés. Balada do mar salgado, de Hugo Pratt).

A nova novela de Paul Auster preséntase coma un auténtico acontecemento europeo. O autor reflexiona, dende a fición narrativa, sobre as pantasmas da creación, mesmo incorporando ou rescatando ás veces personaxes doutras obras anteriores súas. Unha viaxe interior que é, ao mesmo tempo, unha esixente proposta de creación, da que fai cómplice ao lector, que participa no relato case que en pé de igualdade.

Paul Auster recibíu o pasado ano o Premio Príncipe de Asturias das Letras, igual que Nélida Piñon o recibíu no ano 2005. A súa obra atinxe o ensaio e a narrativa, tamén guións de cine e algúns títulos de poesía, sobre todo na súa primeira época. Durante unha etapa foi un dos principias tradutores de literatura francesa nos EEUU. En 1987 entrou nos circuitos da literatura universal, como autor altamente recoñecido, a partir da súa obra Triloxía de Nova York. No Plan Editorial de Galaxia inclúese este ano tamén o guión literario da próxima película de Paul Auster, titulada The Inner Life of Martin Frost, da que tamén é director.

Comparte nas túas redes sociais ou por email