A luz que esta nena do estado de Kartnataka, na Unión India, ten nos ollos capturouna na súa cámara a fotógrafa galega Laura Lizancos. Editorial Galaxia prepara un libro de fotografías desta artista, centradas todas "no mundo dos outros mundos", onde tamén existe a beleza e alampea, malia todo, un lume de esperanza. Queremos compartir esta luz con todos vós, esta ollada de tenrura, este anaco de vida e de solidariedade, este sorriso de esperanza.
Que o ano 2007 veña moi feliz.
Que vos encha a todos de luz e de optimismo.
Tamén de renovados folgos.
Só dende a ilusión, o entusiasmo, a aposta polo futuro e a solidariedade poderemos conquistar un mundo mellor, que necesitamos e se cadra tamén merecemos, en tanto que seres humanos.
Díxoo o poeta John Donne: non somos illas, cada ser humano é un anaco de continente, unha parte da terra toda… Díxoo con outras palabras Celso Emilio Ferreiro entre nós:
Se é túa a miña noite,
se choran os meus ollos o teu pranto,
se os nosos berros son igais,
coma a un irmán che falo…
P.D. Se queres felicitar o Nadal con Galaxia ás túas amigas ou amigos podes utilizar esta postal, que tes á túa disposición no apartado de "lectores/postais/actualidade" na nosa web.