O Corto Maltés, en galego

Categoría: Nova

Quizais lle fixese graza a Hugo Pratt ver publicada en galego a súa obra Unha balada do mar salgado, protagonizada polo inmorrente Corto Maltés. Quizais aproveitase o veneciano nacido en Rimini para dar unha volta por Galicia e intentar descubrir o segredo esotérico da forma das rías, ou o arcano oculto nas espirais dos petroglifos de Campolameiro. E quen sabe se a baía de Vigo, a torre de Hércules ou as covas do Rei Cintolo non poderían pasar a engrosar, en futuras entregas literarias das súas aventuras, as andainas do bo, intrépido, canalla e fascinante Corto Maltés.

Pero a morte ripoulle a vida a Pratt cedo de máis, e privounos de ver a súa cara de rapaz de sesenta e tantos sorrindo cos ollos ante esta nova edición da súa obra que fala en delicioso galego grazas á magnífica tradución que Ánxela Gracián fixo do seu orixinal en italiano. Un orixinal que engaiolou a xeracións de lectores, coa mesma fascinación que desprenden as aventuras en cómic do heroe creado por Pratt. Regresando a Unha balada do mar salgado recuperamos a aventura en estado puro, a honestidade vital como bandeira, o heroismo de ser un mesmo sen fendas e a viaxe como forma de entender a existencia. E a mar. E o amor. E ese coxegueo que se nos pon na pel ao ler as novelas apaixonantes e ao coñecer tipos dunha peza, tan vivos e auténticos como o poden ser os protagonistas dos mellores libros. Paga a pena pasar unha fin de semana deste remate de inverno a soas con Pratt e con Corto Maltés. Quizais che serva para entender que o goce veradeiro da vida está, en boa medida, na descuberta.

Comparte nas túas redes sociais ou por email