XA EN PREVENDA: “Asasinato no muíño do Cura”, o novo libro de Arantza Portabales

Categoría: Nova

Arantza Portabales é, sen dúbida, unha das voces imprescindibles da novela negra: unha autora de referencia, cunha traxectoria sólida, que leva anos conquistando milleiros de lectoras e lectores.

Regresa agora cun dos lanzamentos máis agardados do ano: Asasinato no muíño do Cura, a nova entrega da serie “Os crimes de Loeiro”, tras Asasinato na casa rosa.

Volvemos a Loeiro, onde en 1984 acontece unha matanza no muíño do Cura que trae as súas consecuencias ata o presente, cando Alba Mariño chega á vila na procura de respostas sobre un pasado que lle roubaron e do que descoñece todo, agás a marca indeleble que deixou na súa vida.

Santaclara e Araujo, coa inestimable colaboración de Sinda, a Gestapo, axudarán a Alba a desentrañar o sanguento misterio arredor do seu pasado e baterán coas sinistras irmás Freijomil, netas do cura, e coa vella historia da morte da súa sobriña Berta sendo nena, crime que nunca se resolveu.

O pacto de silencio entre os veciños irá rachando pouco a pouco ata desembocar nun final trepidante que fai tremer os cimentos da vila.

Xa dispoñible en prevenda cun 5 % de desconto (ata o 7 de abril), é o momento de asegurar un exemplar dun dos títulos que vai dar que falar esta temporada. Estará á venda o 9 de abril de 2026.

Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) iníciase como escritora no ano 2015 cun libro de microrrelatos en castelán, A Celeste la compré en un rastrillo. Ese mesmo ano, coa súa primeira obra en galego, Sobrevivindo (Galaxia), acada o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. A súa segunda novela, Deixe a súa mensaxe despois do sinal (Galaxia, 2017), foi traducida ao castelán, italiano, hebreo e alemán, adaptada ao teatro e obtivo o Premio Novela Europea do Casino de Santiago. Beleza vermella (Galaxia, 2019), un dos títulos máis lidos da novela policial galega, acadou o Premio Frei Martín Sarmiento e está protagonizada polo inspector Abad e a subinspectora Barroso, que en 2021 regresan en A vida secreta de Úrsula Bas. En 2023 publicou O home que matou a Antía Morgade e, tras a espectacular acollida das súas anteriores novelas negras, iniciou a serie “Os crimes de Loeiro”, protagonizada por Santaclara & Araújo, con Asasinato na casa rosa (Galaxia, 2024).

Se sabes o que significa agardar por unha nova novela de Arantza Portabales, este é o momento. Reserva xa o teu exemplar e regresa a Loeiro desde o primeiro día.

Comparte nas túas redes sociais ou por email