A voz insubmisa de Begoña Caamaño latexa en “O transgredir das ondas”, de Paula Carballeira

Categoría: Nova

A nova obra da Premio Nacional de Literatura Dramática inscríbese na proposta de Editorial Galaxia para as Letras Galegas 2026 dedicadas a Begoña Caamaño.

Editorial Galaxia publica O transgredir das ondas, a nova obra de Paula Carballeira, un texto que percorre a vida e a obra de Begoña Caamaño a través dun podcast titulado co mesmo nome, no que a xornalista Xoana Barreiro recompila voces, lembranzas e testemuñas para reconstruír a figura dunha autora esencial.

A peza céntrase na dimensión máis insubmisa e desobediente de Caamaño: a do sorriso calmo e firme, a da voz nas ondas da radio, a da escrita comprometida e a da protesta necesaria. Desde esa estrutura, Carballeira constrúe unha obra que dialoga coa memoria, coa identidade e coa responsabilidade cultural.

Licenciada en Filoloxía e cunha ampla traxectoria como narradora oral, actriz, directora e escritora, Paula Carballeira é unha das voces máis sólidas do panorama galego actual. Candidata en dúas ocasións ao Astrid Lindgren Memorial Award, conta cunha produción literaria recoñecida e traducida a diferentes idiomas. Como dramaturga recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 por As alumnas, publicada tamén en Editorial Galaxia.

Con O transgredir das ondas, Carballeira diríxese especialmente ao público xuvenil; a obra convértese así nunha porta de entrada á figura de Begoña Caamaño establecendo pontes entre xeracións.

Esta publicación forma parte da ampla proposta que Editorial Galaxia presenta para as Letras Galegas 2026. Unha aposta que inclúe a recuperación de títulos clave como Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, así como obras que afondan na súa traxectoria vital e xornalística, entre elas A nena que perdeu un zapato na lama, de Ramón Nicolás con ilustracións de Carlos Gallego; a Biografía de Begoña Caamaño, de Ana Romaní e María Xesús Nogueira; e Begoña Caamaño. Xornalismo para a cidadanía. De Vigo a Compostela, Alfa e Omega, de María Xosé Porteiro.

A campaña complétase con propostas dirixidas ao público escolar, como Bego e o mundo do revés, de Iria Collazo López con ilustracións de Alba Stinson, e o espectáculo Chaves invisibles, adaptado por Vero Rilo con música en directo de Luís Iglesias, que celebra a lectura e a imaxinación como espazos de liberdade.

Comparte nas túas redes sociais ou por email