Baixo o título “O envés”, Cunqueiro escribiu unha serie de columnas publicadas no Faro de Vigo, dende 1961 até 1981. O que para él foi sinónimo da cara oculta da realidade, supón todo un exemplo para calquera artista, porque construir un espazo propio implica ter a intención de facelo, e ser consciente de que o que se quere ver é o envés, pois ser aprendiz de mago, non é outra cousa que “saber ler o anverso polos fíos do reverso”- como afirmaba Cunqueiro.
Os creadores galegos, temos unha forma diferente de plasmar a realidade. Hai en nós, unha tensión entre o real e o imaxinado, porque as crenzas e lendas da terra provintes do trasmundo, confúndense co paraíso perdido, impoñéndose a visión irónica da vida. Condición común que, segundo o autor, resulta “indispensable ao galego: unha certa ironía fronte á vida e unha certa indiferenza ante os seus cambios”.
Este anverso e reverso, permite contemplar os problemas actuais, a través dunha renovada confianza nos soños e mantendo a esperanza. O que Woodhouse entende como “transcender o realismo obxetivista e captar a esencia do existir”. Mesmo agora, cando nos asedian tempos difíciles, cobra actualidade esta forma de ver a outra cara das novas ou a actualidade mesma, que ao final acaba sendo esquecida pola súa inmediatez. Nun mundo onde a información é incompleta e a cara patente mostra os acontecementos, quédanos un feixe de realidade, que a persoa só pode contrastar coas súas propias circunstancias.
Quero adicarlle este pequeno escrito a Don Álvaro, no Ano Cunqueiro, porque sei que lle gustaría, en forma de artigo de opinión, do mesmo xeito que o fixo él mesmo. Cunqueiro viviu máis dunha vida, a mortal e a heróica, ao recuperar os grandes mitos rituais: Merlín, Simbad, Orestes, etc, universalizando neles a idiosincrasia galaica. Non fai falla un ano dedicado á súa vida ou á súa obra, necesítase toda unha vida para poder advertir o seu verdadeiro significado. O segredo é aprender a ver.