Teño un amigo que é un perfecto exemplo de adicto aos cachivaches tecnolóxicos. Foi dos primeiros en mercar unha television de plasma.Non sei cando a ve, xa que sae de casa ás oito da mañá e chega de traballar derrubado ás nove da noite. As fins de semana entre facer de transportista dos fillos, ir á compra, dormir a siesta e pasear en chándal, como moito mira unha hora de tv o sábado: “A noria” en Telecinco . Pero, iso si: o trebello reloce no salón.
Despois das festas de Reis, pasei pola súa casa e amosábame ufano o agasallo que acababa de sumar ao Ipad, Ipod, mac,cinta para andar…un eBook. Ese aparello tan molón chamado a ser o sucesor natural da literatura en papel. O home estaba encantado. Dicía que tiña ata 32 niveis de grises, a posibilidade de agrandar ou diminuir o texto do corpo de letra, e que pode chegar a almacenar ata 2.500 libros nos seus gigas de memoria.
Segundo me contou xa tiña descargada a totalidade de novelas de Ken Follet, toda a saga do detective creado por Mankell, por suposto as novelas de Assa Laarson (incluida a que acaba de sair hai 15 dias), os Episodios Nacionais de Benito Perez Galdís íntegros e, tamén para “desengraxar”,uns cantos centos de comics.
Como o trebello , con todo isto dentro, aínda só tina ocupado o 0,5 por cento de toda a memoria dispoñible, estaba estes días coma un poseso vía descarga directa, baixando a totalidade das novelas traducidas ao castelan de Mary Higgins Clark.
Eu tentei explicarlle as miñas experiencias cos primeiros discos duros que tiven. Cando, nas primeiras semanas de dispoñer de internet por cable, baixaba discografias completas, incluidas rarezas e inéditos, de todo canto artista de “musica americana de raíces”, tiña coñecemento. Obras completas, concertos piratas, discos non oficiais…todos aí depositados no disco duro portátil e pendentes dende hai algo así como catr anos para ser escoitados.
E claro, segundo os meus cálculos, pensando nun promedio de 3 minutos por canción, se agora escoitase toda a música que teño baixada, calculando un promedio de 8 horas ao día, tardaría algo así como seis anos en escoitala toda.
Pensando en que, de maneira realista , un lector medio poida ler un libro por semana…¿cantos anos necesitaremos vivir para ler alomenos o dez por cento de todos os libros que podemos acumular nun eBook?
Xa sei que o trebello é ideal para viaxar e moverse e non ter que decidir que libros levamos nunha viaxe. Pero o que non pode solucionar é a falta de tempo para dispoñer da súa lectura. Como dicía outro amigo que ten un restaurante…”ainda que teñas unha casa de comidas, non te podes comer catro cocidos ao dia. É materialmente imposible”.