Ushuaia

Categoría: Nova

Para o libro 'Cociñando ao pé da letra' a escritora Rosa Aneiros preparou unha centola galega. Deixámosvos aquí a receita

Ushuaia
Centola galega (que non "fueguina")

INGREDIENTES

Centola galega en comida (de decembro a xullo)
Auga abundante
Unha presada de sal. Requírese a presa de Neptuno para saber o sabor exacto do salseiro. Para quen carecemos diso, cómpre ir probando ata que teñamos o mesmo mar bailando na lingua.
Tres follas de loureiro se son grandes, se fosen pequenas cómpre botarlle algunha máis
No tocante ao número de comensais, dependerá tanto do tamaño da peza coma do vagar e mais da ansia das persoas convidadas. E, aínda non indo ao extremo de que máis vale que faga mal ca que sobre, boten man da xenerosidade para que ninguén pase fame nin tampouco gana de máis.

Chámanlle "viejo gallego" e iso é, un vello. E galego, tamén. Ninguén sabe o seu nome con certeza. Como lembralo logo de tantos acentos, tantos peiraos e tantas mareas no lombo! Pero vello si. E galego tamén. O primeiro sábeo polo insomnio e o segundo porque, nos escasos minutos en que logra durmir, os soños asáltano nunha lingua diferente á que vén falando en cuberta durante os últimos vinte anos. Por iso, cando a desesperación nocturna o abafa, tira da lingua para chamar polo sono.

Esta é unha noite calquera. Hai tantas horas que o sol deixou de lamber o glaciar Martial que xa non acorda se ten que amencer ou anoitecer aínda. Rabuñou a sombra do faro de Les Éclaireurs, Porto Esperanza, Terra de Fogo, a baía Lapataia e derreteuse de amor atrás dos cumios chilenos. O vento brúa polas costas e abanea a súa choupana de folla de lata. Pola fiestra cóase un vento xélido e, canda el, as luces escintilantes dunha barra americana. Non logra durmir. O insomnio golpéao violentamente nestas mantas húmidas que nunca quecen de todo. Demo de friaxe. Por que non envellecer aquí na fin do mundo, pensara un día. É o lugar máis lóxico para morrer se é que a morte ten algunha lóxica. E el, o Sinbad que navegou todos os mares, que tivo mil portos e mil homes, decidira ancorar para sempre en Ushuaia, no extremo máis austral do planeta. Ao carón dun cárcere e da canle de Beagle, ao abrigo dos temporais do Cabo de Fornos e das dúbidas de Darwin.

Cago no sono, que o demo o confunda!

Os ollos percorren as sombras acendidas pola lúa nevada. Deambulan da mesa baleira á roupa estrada no chan, pasando polo vaso do chineiro, a lámpada, os zapatos. De súpeto, dan co estante e encallan no medio e medio da escuridade. Alí intúe a laca brillante pegada á coiraza, entre monstruosa e fascinante, da gran centola. As súas patas rabuñan a madeira e fítano con melancolía. Velaí o trofeo dunha marea heroica. A reliquia dos azos roubados ao tempo.

Para conxurar o frío, conxurar o insomnio e conxurar a vellez, tirar das palabras.

-Bótala ben viva. Míraslle ben as unllas e o peito. Machos ou femias, cadaquén ten o seu. Eu, meu filliño, prefiro a carne do macho. Así e todo, os corais da femia no caldiño…, o caso é que veñan cheas, que estean en comida. No verán non paga a pena nin mirar para elas. O seu tempo é o inverno, que dúbida ten. Pois bótala viva nunha pota con tres follas de loureiro e presadas de sal groso, o da salgadura. Que a auga saiba coma o mar. Se queres, traes un caldeiro de auga da ría e xa che vale para cocela. Déixala cocer vinte minutos, dende que comece a ferver. Logo quítala e que arrefríe. Antes de servir esmiúzas as patas, ábrelas e machucas o caldo. O máis importante, meu filliño, e este é un segredo entre ti e mais eu, é que ninguén debe sabelo. Ninguén pode saber que comemos as centolas. Éche unha vergonza. Só os pobres de solemnidade, os que non temos un bocado de carne que levar á boca, andamos ás centolas. Cando a comas, botas a cuncha na esterqueira e agóchala co estrume. Que ninguén saiba o que temos que comer, que ninguén saiba da nosa miseria. Aténdesme, Vicentiño, atendíchesme ben?

O vello galego mira a araña de laca empoleirada no estante das vitorias e érguese lentamente. Colle a centola-trofeo e métea con el debaixo das mantas. Abrazado á súa codia afiada sente inesperadamente unha caloriña doce.

-Ai, Vicentiño, que lonxe fuches dar.

A avoa Gloria veu buscalo, teimuda, á fin do mundo. Na esterqueira da cama, por fin o sono que chega. E, canda el, o seu nome.

Rosa Aneiros

Comparte nas túas redes sociais ou por email