Foron decenas de persoas as que onte encheron a Biblioteca de Estudos Locais da Coruña para arroupar a presentación do libro 'Vivir, unha aventura irrepetíbel' que escribiu Mercedes Queixas Zas como biografía da poeta María do Carmo Kruckenberg.
O acto estivo amenizado polo grupo de jazz '3 Azoteas', para sorpresa da biografada, amante confesa do jazz, xénero musical ao que adicou o seu poemario 'Jazz Espido'.
Abriu as intervencións o editor Francisco Castro quen dixo que ler este libro «é ler unha aventura». De seguido, a autora do libro, degranou o proceso de escrita do traballo, de dous anos de duración, construído a partir de horas e horas de conversas en Vigo e na Coruña, ao tempo que a poeta lle permitía entrar nos seus papeis e recordos persoais. Definiu á Kruckenberg como 'grande conversadora e grande escoitadora' e celebrou o moito que aprendeu con ela, así como a posibilidade de percorrer todo o século XX da súa man.
Chegou despois o momento das palabras da biografada, quen explicou que o libro «non ten nada que ver cunha biografía ou uso», que ela e a autora quixeron fuxir do clásico libro cheo de citas, datas e feitos. Insistiu, antes de rematar cun rotundo 'grazas á vida', que no libro «está a miña alma enteira, ou meu corazón e ou meu corpo» e insistiu en que «non hai ningunha trampa, ningún silencio».
O acto rematou cunha nova intervención do grupo '3 Azoteas' e coa autora e a biografada asinando libros a todas e todos os que quixeron acompañalas nesta xornada que foi, case como o título do libro, unha aventura irrepetíbel.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR