No recinto de exposición, unha morea de turistas de diferentes nacionalidades amoreámonos diante de cada cartel lendo avidamente a información escrita en alemán e inglés. A xente lía con rostro serio, comentaba os contidos, bufaba, abaneaba a cabeza. E non era para menos.
A exposición do recinto escavado xunto aos restos do muro, onde antano se atopaban as institucións centrais da persecución nazi, narra a historia de Berlín entre os anos 1933 e 1945. A sensación ao deixar o espazo de exposición mestura un baleiro interno entristecedor e unha carraxe dilatada. Dende os estragos da crise (con lamentables similitudes coa situación actual) ata as desfeitas dun goberno elixido lexitimamente. Dos cidadáns esperanzados ao medo xeralizado. A visita é recomendable. Iso si, unha soa vez, polo ben da cabeciña.
O que non puiden evitar pensar ao subir os chanzos de saída foi se algún día teriamos que erguer expositores similares nas nosas rúas, para que os nosos netos lean sobre unha historia novamente truncada e, entre liñas, sobre o imbéciles que fumos por calar, outra vez, e deixar que mexaran por nós, mentres diciamos que chovía.