Teracea marroquí 1935, de Eduardo Blanco Amor, en edición de Xosé Enrique Acuña, é unha das últimas novidades editoriais de Galaxia.
Neste volume, publicado nunha coidadosa edición, recóllense as reportaxes escritas desde diversas perspectivas, da brillante prosa blancoamoriana.
Datan de 1935 mais recenden actualidade por todas as súas letras. Uns escritos de grande altura literaria, que van acompañados de vinte e seis fotografías artísticas do propio autor que, coñecido amante da imaxe, nunca se separaba da súa cámara Voigtländer.
Iniciamos con este libro, a Deputación de Ourense, a Fundación Eduardo Blanco Amor e a Editorial Galaxia, a colección EB-A. Xornalismo e fotografía, que permitirá achegar celmentos froitos dun dos grandes das nosas letras.
A produción literaria de Blanco Amor comezou coa publicación de Romances Galegos (1928). A principios dos anos trinta entra en contacto con Castelao e con outros membros do Partido Galeguista e do Grupo Nós. Escribe Poema en catro tempos (1931) e desde Bos Aires colabora coa revista Nós.
Foi ademais o fundador e director do Teatro Popular Galego (1957). Antes de abandonar definitivamente América, Blanco Amor publicou A Esmorga (1959), libro que será nun dos grandes fitos da renovación da narrativa galega, e xa en Galicia leva ao prelo Os biosbardos (1962). Tras publicar unha nova edición de A Esmorga (1970) e a longa novela Xente ao lonxe (1972), centrou a súa produción no teatro (Farsas para títeres e Teatro pra a xente).
En 2020, coincidindo co gallo do 50 aniversario da súa saída, publicamos unha edición conmemorativa de A esmorga, ilustrada por Diego Estebo, encargada de inaugurar a colección Xohán Ledo.