Portabales, unha das principais voces da escena ‘noir’ do país, volve a sorprendernos cunha nova entrega, Sobrevivindo, que chega o 3 de marzo a todas as librarías de Galicia.
Esta nova entrega amosa a evolución literaria dunha das escritoras máis importantes do panorama actual. A autora ofrece a posibilidade de comparar a súa escrita de 2015 coa do 2021, nun volume no que pasado e presente están perfectamente acompasados, xerando unha novela diferente que brindará novas lecturas ao público.
Trátase dunha edición revisada da obra publicada en 2015, Sobrevivindo, que chega ateigada de novos capítulos; así como un estilo marcado, totalmente evolucionado. A nova versión duplica a extensión antiga, modificada coas novas sinerxias literarias da escritora.
Presenta, desta maneira, unha historia con máis trama, máis intriga, e máis profundidade psicolóxica. Aqueles 31 momentos na vida de Valentina Valdés pasaron a ser 53, aportando unha maior complexidade.
Este libro ten todos os elementos que definen a carreira literaria de Portabales: a narración de intriga, unha muller de personalidade forte como protagonista, a ambición e o crime. Unha lectura imprescindible que achega unha nova visión do talento de Arantza Portabales.
Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) Filla de emigrantes galegos, é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionaria da Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia. Iníciase como escritora no ano 2013, cultivando o xénero do microrrelato. En outubro de 2015 publicou o seu primeiro libro de microrrelatos: A Celeste la compré en un rastrillo (Zaera Silvar, 2015), e a súa novela en lingua galega, Sobrevivindo (Galaxia 2015). En 2017 o seu relato “Circular C1: Cuatro Caminos- Embajadores” gañou a XVIII edición do Certame de Narración Breve da UNED/UNED.
A súa segunda novela Deixe a súa mensaxe despois da sinal, (Galaxia, 2017) foi traducida ao castelán pola Editorial Lumen, ao italiano (Solferino, RCS group) ao hebreo (Keter books) e ao alemán (BTB-Penguin Random House) e levada ao teatro pola Compañía Tanttaka. A súa terceira novela Beleza vermella, (Galaxia, 2019) publicouse conxuntamente coa tradución da mesma ao castelán, (Editorial Lumen) sendo publicada tamén en Italia baixo o título Bellezza Rossa por Solferino. En 2020 publicou un libro de relatos, ilustrado por Javier Zabala, Historias de mentes (Editorial Bululú).
Seguindo a historia de Abad e Barroso, a parella de policías que coñecimos en Beleza vermella, publicou en Galaxia, en 2021, o seu novo libro A vida secreta de Úrsula Bas.