A Editorial Galaxia produce para a Xunta de Galicia, baixo o comisariado de Ricardo Gurriarán, familiar do persoeiro recoñecido en 2022 co Día das Letras Galegas, a gran exposición Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira de ensoños.
Con carácter informativo e didáctico, divídese en 15 paneis explicativos que percorren a vida e a obra de Florencio Dlegado Gurriarán, e unha selección de obxectos persoais do autor, cedidos pola familia para esta exposición.
Os paneis repasan a traxectoria vital e biográfica do autor homenaxeado, permitíndolle ao espectador asistir a unha rápida viaxe, rigorosa e amena, para comprender quen foi, que nos deixou e que implica a figura de Florencio Manuel Delgado Gurriarán.
Por outra banda, o acceso a unha selección de obxectos persoais do escritor, expostos en mesas-vitrina, como cartas con persoeiros do seu tempo, como Otero Pedrayo ou Castelao; borradores de poemas, que logo remataron nos seus libros, publicacións orixinais, que permitirá un achegamento máis completo para comprender a súa figura e obra literaria.
A mostra comezará a súa itinerancia en abril e deterase no Barco de Valdeorras, Ourense e Santiago.
Esta iniciativa súmase ás publicacións da autoría do homenaxeado, coas que Galaxia contribúe no labor dar a coñecer máis o seu imaxinario persoal: Bebedeira, Galicia infinda, O soño do Guieiro ou a, recentemente publicada, Antoloxía poética, en edición de Débora Álvarez Moldes e Margarida Pizcueta Barreiro. Ao mesmo tempo que os libros Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética, de Xesús Alonso Montero e Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, de Ricardo Gurriarán, publicado orixinalmente en 1999 e agora recuperado por Galaxia.
Estas obras, completan a aproximación á vida e obra do poeta, xunto con Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo, publicado na colección Lectura Fácil, da autoría de Lucía Gómez Álvarez.