Celebramos o Día da LIX recuperando o texto orixinal de “Bambi”

Categoría: Nova

Mañá, día 2 de abril, celebrarase o Día do Libro Infantil e Xuvenil e dende a Editorial Galaxia celebrámolo recuperando o texto orinal de Bambi, de Félix Salten.
Son moitos os libros que acompañan á cativada na súa formación e, tamén, no período de descuberta do mundo. As lecturas inflúen na súa imaxinación, poténciana e sacan o mellor deles, axudándolles a ser persoas cun mundo interior moi rico e valioso.
Ler é fundamental en todas as idades da vida, e é moi importante que, dende moi cativas, as nenas e nenos estean acompañados por lecturas adecuadas, que os axuden a comprender como funciona o mundo. O mundo propio e o que poden crear, tamén, a través da súa imaxinación. A maxia da lectura é esa, cambiar as cousas que non nos gustan no noso propio imaxinario. Crear un universo, a través de historias doutros que, coas nosas lecturas, faremos nosas.
Os libros poden ser grandes mestres, xa que neles existen infinitude de valores, moi importantes, para a formación persoal de calquera ser humano.
Ler fainos mellores e axúdanos a desenvolver ferramentas fundamentais para a vida, como ter un criterio propio.
Son moitos os libros que axudan nesta tarefa pero hoxe, gustaríanos recomendar este clásico universal que todas e todos deberían ler: Bambi, de Félix Salten, traducido ao galego por María Alonso Seisdedos, e adobiado coas fermosas ilustracións de Begoña G. Arce.

Coñecido por cativos e maiores, Bambi, é un pequeno corzo, un caparriño bulideiro que vive baixo a proteccion da nai. Vai descubrindo as marabillas do bosque, a beleza da natureza, da amizade e da familia, pero tamén a soidade e a morte.
Esta obra fundamental, escrita en 1923, é unha chamada aos valores que deben rexer a vida e o respecto polos demais.
Non deixemos de compartir a ilusión pola fantasía e a esperanza de construír, entre todas, un mundo mellor.

Comparte nas túas redes sociais ou por email