Esta mañá recibimos a noticia do pasamento de Antía Cal, unha das grandes renovadoras da pedagoxía de Galicia. Nada na Habana o 18 de abril de 1923, Cal faleceu en Meira Moaña, con 98 anos de idade.
A súa vocación pola pedagoxía, influída polas correntes pedagóxicas que coñeceu viaxando coa súa parella, o oftalmólogo Antón Beiras, por Europa, levárona a crear no ano 1962 a Escola Rosalía Castro de Vigo.
Fronte a escola daquela época, o Rosalía foi pioneiro en moitos aspectos: unha escola laica, mixta, bilingüe (co inglés como segundo idioma desde o parvulario), na que primaba o respecto ao alumno, como suxeito de dereitos, e cunha didáctica activa na que mestres, pais e alumnos participaban do proxecto pedagóxico. Unha escola inserida no entorno social, comprometida coa reivindicación da realidade e a cultura galega, e en contacto estreito cos novos movementos de renovación pedagóxica, coma a Escola de Mestres Rosa Sensat de Cataluña, liderada por Marta Mata.
Antía Cal foi unha das voces máis autorizadas que tivemos en Galicia no ámbito da pedagoxía. En 2012 a Fundación Otero Pedrayo concedeulle o Premio Trasalba e no 2015 o Ernestina Otero polo seu traballo a prol da Igualdade.
Na Editorial Galaxia publicou Este camiño que fixemos xuntos, un libro no que, a través das súas páxinas, repásanse soños, proxectos compartidos, crónica dos amigos, lembranzas felices e momentos duros, mais sempre coa ilusión de quen sabe que o camiño é posible e moi fermoso para facelo cos demais.
Grazas polas túas ensinanzas.