O cancioneiro popular galego, protagonista nas Letras Galegas 2025.
O Día das Letras Galegas 2025 está dedicado ao cancioneiro popular galego e ás mulleres que, a través da oralidade, transmitiron de xeración en xeración cantigas, saberes e cultura. Desde Editorial Galaxia sumámonos a esta celebración cun conxunto de publicacións que poñen en valor ese legado a través das seguintes publicacións:
A avoa canta como a cotovía, de Celia Díaz Núñez, con ilustracións de Alba Santa. Accésit do Premio Simbad para o recordo e o alzhéimer 2024, é unha tenra historia sobre a memoria, a relación entre netos e avoas e o poder evocador da música.
En As vellas de Mens, José Manuel Fernández Pensado (Manel de Aturuxo), ofrécenos unha crónica de primeira man sobre estas mulleres senlleiras, pioneiras no folclore galego, coas que compartiu dúas décadas de vida artística. Unha obra fundamental para comprender o valor das cantareiras no noso patrimonio.
O prólogo é de Xosé Manuel Varela Valera, e o limiar de Felipe-Senén López Gómez.
No ámbito do ensaio, Xesús Alonso Montero mergúllanos, en Poesía e sociedade no cancioneiro popular galego, nun estudo sobre a dimensión artística e social das nosas cantigas tradicionais, compostas e transmitidas maioritariamente por mulleres anónimas.
No eido da narrativa xuvenil, Agora que vén a noite, de Marcos Calveiro, propón unha viaxe iniciática ao corazón da memoria. A través dunha adolescente que pasa o verán nunha aldea coa madriña da súa nai, a novela entrelaza pasado e presente co fío da palabra. Unha homenaxe á tradición e ás mulleres que a conservaron.
E para acompañar o libro, presentamos o espectáculo escolar “Axudádeme a cantar”, de Felisa Segade e Montse Rivera (fundadoras de Leilía). Un encontro pensado para a mocidade, que serve de ponte entre xeracións, e que afonda na forza das cantigas populares, no seu contexto e no papel das mulleres como transmisoras de saber.
A recopilación de Cantigueiro de Compostela, é froito dunha obra colectiva. Está conformada por dous grupos ben diferentes de cantigas: por unha banda as recollidas en Santiago de Compostela, e pola outra, aquelas onde se menciona á cidade, o seu santo, os seus mosteiros, de San Martiño a San Francisco, e algunhas das rúas máis senlleiras, do Vilar á Calderería, ou lugares como Conxo e o Pico Sacro, o monte Illicinus do Códice calixtino, desde os peregrinos ven por vez primeira as ansiadas torres da catedral.
Cántigas populares, de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, agrupadas por xéneros e tipos, constitúen unha abundante colleita que vén enriquecer a nosa tradición cultural. A finais da década de 1970, Dorothé Schubarth e Antón Santamarina percorreron Galicia recollendo os cantares populares de tradición oral da boca dos seus intérpretes, que se reuniron nos sete volumes do Cancioneiro popular galego, o repertorio máis extenso da música popular de tradición oral galega, de onde se escolmaron estas Cántigas populares.
Este 17 de maio celebramos as Letras Galegas recoñecendo a voz colectiva das cantareiras. Unha cadea de voces.