A aposta pola tradución como vía de enriquecemento cultural forma parte da identidade de Editorial Galaxia desde a súa orixe. Neste contexto, é unha grande satisfacción anunciar que catro obras publicadas no noso catálogo forman parte da selección finalista dos Premios Plácido Castro de Tradución, entre un total de trece títulos.
Estes galardóns, convocados pola Fundación Plácido Castro, formada polos concellos de Corcubión, Cambados, Catoira e Vilagarcía de Arousa, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación e o IGADI, teñen como obxectivo impulsar a presenza da literatura universal en galego.
Entre as finalistas figuran catro obras que, desde estilos e tradicións moi diferentes, que coinciden no seu valor literario:
Doutor Zhivago, de Borís Pasternak, traducido por Aleksandr Dziuba, supón a incorporación ao noso sistema literario dunha das novelas máis emblemáticas do século XX. A historia de Yuri Andréyevich e Larisa Fiódorovna, marcada polo amor e polo esboroamento da vella Rusia, é tamén unha poderosa reflexión sobre a identidade, a liberdade e o destino individual nun mundo en transformación.
Noutro rexistro moi distinto, O outeiro do amieiro, de Anjel Lertxundi, publicado na colección Costa Oeste e traducido por María Ramos Salgado, ofrécenos unha delicada parábola protagonizada por unha árbore que desexa coñecer o mundo. Un texto cheo de lirismo e imaxinación, que convida a pensar no lugar que ocupamos no mundo e na forza dos desexos imposibles.
As aventuras de Pinoquio, de Gianni Rodari, traducido por Leandro García Bugarín e ilustrado por Maruxa Caeiro. Unha especial homenaxe a un dos personaxes máis senlleiros da literatura universal, onde atoparemos os personaxes que Collodi imaxinou, o boneco de madeira, o seu creador Geppetto, o Tragalumes, a fada Turquesa, o mastín Alidoro, o Grilo…, a través da xenial e divertida pluma do “gramático da fantasía”.
Completa esta selección A abadía de Northanger, de Jane Austen, publicado na colección Literaria Universal e traducida por María Ramos Salgado; esta é unha novela que combina sátira, ironía e crítica social nunha brillante revisión das convencións do xénero. A protagonista, Catherinne Morley, representa a tensión entre fantasía e realidade, nun relato onde a autora británica dá mostra do seu agudo talento literario.
A presenza destas catro obras entre as finalistas dos Premios Plácido Castro constitúe un recoñecemento ao labor constante de tradutoras e tradutores, e ao noso compromiso por seguir abrindo portas á literatura universal en galego.