“Cantade todas a unha”, o cantigueiro popular galego

Categoría: Nova

Este 17 de maio homenaxeamos ás cantareiras, protagonistas do Día das Letras Galegas 2025. Custodias da nosa tradición oral, simbolizan o orgullo dun pobo que defende a súa lingua e cultura con compromiso e visión. Honrar o pasado, celebrar o presente e fortalecer o futuro do galego.

A Consellería de Educación da Xunta de Galicia, con motivo desta celebración, promove a exposición Cantade todas a unha. O cantigueiro popular galego, baixo o comisariado de Xulia Feixoo percusionista, licenciada en Historia da Arte e titulada Superior en Etnomusicoloxía, producida por Merlín Comunicación – Editorial Galaxia.

Esta exposición inaugurouse o sábado 17 de maio, no Centro Cívico e Social de Malpica, e contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen, acompañado polo presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, fixeron un percorrido polos paneis e materiais da exposición, guiados polo coordinador da mostra.

A celebración das Letras Galegas 2025, acordada pola Real Academia Galega, pon en valor a figura das cantareiras e da poesía popular oral. A través dunha candidatura conxunta que inclúe a Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía; e Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia García Prieto e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens, xunto a Adela Rey Torrado (Malpica de Bergantiños), destácase a contribución das mulleres como creadoras e transmisoras da lingua e da cultura galegas.

Esta celebración non só rende homenaxe á súa lembranza, senón que tamén establece un vencello entre o pasado e o presente.

A exposición está composta por 14 que trazan un percorrido didáctico polos aspectos claves do cantigueiro popular galego a través das historias de vida das cantareiras homenaxeadas, os traballos ao redor deste campo musical e o vizoso presente da música tradicional galega de tradición oral

Os paneis compleméntanse con mesas-vitrina con obxectos e documentación relacionados coa temática da mostra: instrumentos tradicionais, fotografías, gravadoras antigas, fichas manuscritas, diarios de campo…, que enriquecen a exposición, así como QR de enlace que amplían os contidos con materiais visuais e sonoros.

A mostra itinerará por varias localidades, das que se informará conforme se realicen as súas instalacións.

Comparte nas túas redes sociais ou por email