Un verán para xente dura

Categoría: Nova

Estes días chegarán ás librerías catro novos títulos da colección "Os duros" de Galaxia. "A noite das filantes", de Xabier Puente Docampo e Xosé Cobas, "Bechos pequerrechos", de María Lires, "Misterio na selva De Ngorongón", de Alberto Varela Ferreiro e "O serrote do Gil" de Margarita Ledo e David Pintor.
Esta é parte da aposta que a Editorial Galaxia preparou para os máis pequechos da casa para un verán que ten que estar, tamén, cheo de libros.
En "A noite das filantes", Xabier Puente DoCampo, un dos nosos autores máis recoñecidos dentro e fóra de Galicia, fálanos dunha clara noite de agosto na que unha filante cruza o ceo diante dos ollos asombrados duns cativos que terán nada menos e nada máis que atopala. ¿Onde caería?
María Lires escribe e ilustra "Bechos pequerrechos", na que asistiremos a un desfile zoolóxico divertido e cheo de cores. Bechos de cabelos crechos que cantan e contan a súa vida de pequerrechos.
Tamén escribe e ilustra Alberto Varela Ferreiro a historia "Misterio na selva de Ngorongón", unha selva ben curiosa onde o misterio é un máis dos seus habitantes. Así que haberá que andar con tino…
E finalmente, Margarita Ledo, coa colaboración do ilustrador David Pintor publica "O serrote do Gil", un enigmático persoeiro que ten sobre alerta a todos os veciños. ¿A que vai para a fraga co seu serrote?, ¿a verse con Guntín e Gontán? Haberá que ler o libro para saír de dúbidas.
Catro libros.
Catro duros.
Un verán para ler e ler.
Subidos a unha filante. Ou nun becho pequerrecho. Na selva de Ngorongón co Gil.

Comparte nas túas redes sociais ou por email