O Consello da Cultura Galega (CCG) poñerá fin ao programa de actividades conmemorativas dos seus 25 anos (1983-2008) cun solemne acto presidido polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A sesión terá lugar no salón de actos da institución o xoves, 9 de xullo ás 19 horas e contará tamén coas intervencións de Ramón Villares, Presidente; Alfonso Zulueta de Haz, expresidente; Victor Manuel Vázquez Portomeñe, Conselleiro de Educación e Cultura da Xunta en 1983, e Francisco Díaz-Fierros Viqueira, membro do primeiro plenario. A conmemoración dos primeiros 25 anos da institución celebrouse baixo o lema CREAR CULTURA, IMAXINAR PAÍS, e incluiu diferentes actividades, entre as que destacaron seis foros de debate e unha exposición que está a percorrer as principais cidades de Galicia. As celebracións comezaron o 8 de xullo de 2008 e rematan un ano despois.
O solemne acto que clausurará os actos conmemorativos dos 25 anos do CCG reunirá unhas cento cincuenta persoas e, ademais das intervencións referidas, e a entrega das insignias do Consello aos antigos membros do Plenario, incluirá un recital de violín e piano. Pedro Rodríguez (violín) e Maximino Zumalave (piano) interpretarán "Preludio e allegro", de Fritz Kreisler e "Romance", de Andrés Gaos.
CREAR CULTURA, IMAXINAR PAÍS
Inseparable da dinámica e das expectativas abertas no marco institucional autonómico, o Consello da Cultura Galega contribuiu coas súas actividades e iniciativas a impulsar e proxectar as fondas transformacións visibles no panorama cultural galego. A celebración dos seus 25 anos, baixo o lema "Crear cultura, imaxinar país" permitiu, en palabras do seu Presidente, Ramón Villares, fixar novos obxectivos, reflexionar sobre o papel e a evolución da cultura -humanística e científica- e redefinir e ampliar a posición do CCG no marco institucional e no universo cultural de Galicia". Villares lembrou que o CCG "non é un axente creador de bens culturais, senón unha institución mediadora entre a sociedade e os poderes públicos fundada en dous piares: pluralismo na súa composición e autonomía organizativa no seu funcionamento" e subliñou os cometidos de alta asesoría cultural e a dimensión de fogar da cultura galega como referencias inescusables da súa actividade, transcorridos os primeiros 25 anos.
Entre outras actividades, o CCG puxo en marcha ao longo de 2008 seis foros de debate: Galicia na sociedade do coñecemento. Olladas críticas sobre a paisaxe, Sociedades plurilingües: da identidade á diversidade, Creación artística e identidade cultural, O valor crítico dos bens culturais e Cultura e política. Programouse tamén, en colaboración con Caixanova e a Xunta de Galicia, coa produción de Merlín Comunicación, a exposición "Galicia 25. Unha cultura para un novo século. Consello da Cultura Galega, 1983-2008", que, desde outubro de 2008, percorreu Vigo, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela e Ourense. Está actualmente en Lugo e visitará tamén A Coruña.
Na actividade do Consello da Cultura é salientable desde hai dez anos unha especial atención á aplicación e á utilización das novas tecnoloxías da información e da comunicación. O seu web institucional: www.consellodacultura.org e o seu oportal cultural: www.culturagalega.org son a proba dese compromiso imprescindible ao servizo da cultura e de Galicia por parte dun organismo que, segundo Ramón Villares, "é peza esencial do entramado institucional do réxime autonómico de Galicia, porque ten a misión de servir de canle para a "biodiversidade" propia da creatividade cultural e a obriga de lle dar unha expresión formalizada".
Ao longo destes 25 anos o CCG foi presidido por Ramón Piñeiro (1983-1990), Xosé Filgueira Valverde (1990-1996), Carlos Casares (1996-2002) e Alfonso Zulueta de Haz (2002-2006). Desde o 4 de maio de 2006 o Presidente é Ramón Villares.