Todo o verán por diante

Categoría: Nova

Tomamos prestado o título dunha novela de Joaquim Gonzàlez i Caturla que acabamos de editar en Costa Oeste para lanzar unha reflexión arredor da necesidade de, neste tempo de lecer, aproveitar para achegar aos nenos e nenas ao mundo dos libros e da lectura. Porque é un tópico asumido por todos que os nosos pequechos deben ler, pero para iso é preciso que alguén, neste caso os adultos, lles acheguen a ese universo.
Daquela, o verán semella ser o intre perfecto. Afastados das obrigas escolares, é o tempo para o descanso e para o ocio. Convén, neste senso, que identifiquen dende os primeiros momentos, ocio, pracer, felicidade, distración, lecer, tamén coa lectura. Os datos, neste senso, son clarísimos: se conseguimos que se fagan lectores antes da adolescencia, serán lectores para sempre. Quizais deserten durante algún tempo. Quizais "aparquen" a lectura noutros instantes, pero quen é lector, sempre é lector.
Daquela, e dado que temos todo o verán por diante (aínda que climatoloxicamente existan dúbidas razoables) aproveitemos, entre praia e praia, entre xeado e xeado, para darlles libros e para ler con eles.

Comparte nas túas redes sociais ou por email