O economista e ex-vicepresidente da Xunta de Galicia, bota neste libro unha ollada ao tempo pasado mais sen a intención de o recuperar. Velaquí unha autobiografía novelada, un conto longo escrito cunha fina ironía e unha pluma áxil, ao tempo que descrida, no que se relata a Guerra Civil vista a través dos ollos dun neno, a mocidade durante o franquismo, a fartura da ilusión e as ambicións logradas… a inanidade final.
Con nidia vocación literaria, Carlos Mella conta o pasado sen morriña, relata o tempo vivido non como exercicio saudoso senón coa intención de traelo ao presente. "Memorias dun ninguén" está escrito coa lucidez de quen se contempla a si mesmo desde a distancia, de aí que o libro comece cunha afirmación contundente: "A vida necesita un escenario onde dar os brincos de ritual. […] Os actores, que somos nós, fóra do ambiente teatral, da atmosfera que se crea, somos uns seres anónimos, intercambiables. É dicir, uns ninguén".
O autor de "Non somos inocentes" bota a mirada atrás mais non para pintar a paisaxe con cores e luces rechamantes. Pola contra, faino criticamente, sen buscar unha consolación inútil. Mella parece sinalar que para contar a vida propia é precisa afastarse dela, ollala de lonxe para conseguir verse como un ninguén. Pintar a paisaxe, recrear o ambiente e a atmosfera para chegar a albiscarse durante un instante fuxidío nun todo incomprensible no que "só se escoita o silencio".
Carlos Mella (O Foxo, A Estrada, 1930), economista, político e escritor, é doutor en Direito pola Universidade Complutense de Madrid. Foi Vicepresidente da Xunta de Galicia e deputado no Parlamento. Ex-presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. A súa obra literaria iníciase en 1990 con "Non somos inocentes", libro de memorias dun "político galego en excedencia", no que se pasa unha irónica revista ós primeiros tempos da política autonómica galega. No ensaio "A Galicia posible" (1992) esboza unha reflexión sobre Galicia tentando adiviñar o horizonte de futuro. Co libro de relatos "O protocolo xaponés" (1992) e a novela "Bieito, Bieito" (1993) introdúcese no eido da ficción, ao que ha volver en 2005 con "Luces de Fisterra". O ensaio "A falacia do economicismo" (1994) e a escolma de artigos "Coa palleta distraida" (1994), nos que reflicte unha visón entre agarimosa e cruel do acontecer cotián da nación galega, amosan as múltiples facetas da súa obra.