Un camiño de descubertas

Categoría: Nova

Publicada na colección Novela Gráfica de Editorial Galaxia, chega a todas as librarías de Galicia En camiño, de José Ángel Ares e Paco Hernández, traducida por Isabel Soto López.

Nesta travesía, atopámonos con Emma, unha das protagonista, debuxante de cómics na trintena, que acaba de romper coa súa parella; guiada por un impulso, preséntase en Roncesvalles coa mirada fixa en Santiago de Compostela.

A medida que transcorre o camiño, irá decatándose de que a experiencia que vive achégaa e afástaa de todos os que a rodean, que o peso da mochila non só o enchen os vinte quilos de roupa e as dúas tixolas que leva, e que o que cría que sería simplemente poñerse a andar e botar quilómetros ao lombo, converterase en toda unha aprendizaxe, non só pola xente que cruzará no traxecto, senón por todo o que descubrirá sobre ela mesma.

Unha obra imprescindible que supón unha homenaxe ao camiño de Santiago e á capital galega.

Paco Hernández (Lleida, 1977) é doutor en Márketing e Comunicación Audiovisual e compatibiliza o seu traballo na Universidade de Lleida coa súa verdadeira paixón, ser guionista 

e divulgador de cómics, medio en que debutou
en 2011 con El arca de las historietas. Tras Rosa y Javier (2013), en 2014 ven a luz The Cartoonist, con ilustracións de Daniel Cardiel, e o seu traballo como autor completo, o popular cómic promocional De profesión, librera. 

En 2001 realizou o Camiño de Santiago por primeira vez, e o que comezou case por casualidade, resultou ser unha das mellores experiencia da súa vida. 

En camiño é a súa terceira novela gráfica e a súa segunda colaboración con José Ángel Ares.

José Ángel Ares (Bilbao, 1979), debuxante, desde 2011 ilustra os libros infantís As aventuras do Apalpador e compaxina o seu traballo en cómic co de storyboard de cine (El desconocido, La sombra de la ley, Quien a hierro mata, Live is Life e Proyecto Emperador) e televisión (La unidad).

En 2013 ilustrou a súa primeira novela gráfica, Rosa y Javier, en tándem con Paco Hernández, á que lle seguirían Bitcoin: LCDSN, Independencia? e as dúas aventuras de El rey de la carretera, con guión de Josep Busquet. 

Actualmente reside en Santiago de Compostela, unha casualidade providencial do destino, aínda que confesa que camiña menos do que debería, 

e que se perde máis do normal.

Comparte nas túas redes sociais ou por email