Presentación de “Sobremesas sobre versos”, en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

O xoves 23 de novembro, celebrarase, ás 19 h, no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, a presentación de Sobremesas sobre versos, Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2022, de Raquel Castro.

Acompañando a autora, estarán Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; María Isabel Gey, presidenta de Agadea; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

Sobremesas sobre versos foi o libro merecente do Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2022, de Raquel Castro, ilustrado por Diana Pastoriza. Lectura recomendada a partir dos 12 anos, amosa a historia de Uxía e a súa avoa Sica. A neta acompaña a avoa, elaborando sobremesas mentres lembran os costumes do Courel, a mocidade ou a infancia. Nestra travesía Uxía é testemuña da perda de saberes e recordos da avoa.

Unha lectura ateigada de sensibilidade e compromiso social.

Raquel Castro (Alxén, Salvaterra de Miño, 1971) é licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa e Filoloxía Hispánica e traballa como profesora de Lingua Galega e Literatura no ensino secundario.

É presidenta e fundadora da Asociación Teatral de Alxén dende 1999, e todas as súas obras de teatro están destinadas a ser interpretadas polo grupo de teatro infanto-xuvenil Ata Sempre, desta asociación. Ademais, imparte talleres de teatro no seu instituto, pois considera que o teatro é unha ferramenta fundamental no ensino.

Algunhas das obras que estes nenos e nenas levaron á escena foron premiadas, como As terapias da doutora Ledicia (2012) cunha Mención de Honra nos Premios Estornela de Teatro Infantil (2014), que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas, e foi finalista na Gala do Libro Galego 2016 na categoría de Teatro. Desta mesma gala, pero no ano 2019, foi finalista A formiga fóra do carreiro (2018), obra que acadou un segundo premio como mellor libro de teatro en galego do 2018, en Fervenzas Literarias. Ademais das obras citadas, tamén publicou a novela Bestiario doméstico (2017), todas elas en Editorial Galaxia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email