Hoxe celebramos o Día Internacional da Infancia

Categoría: Nova

Esta data pon en valor os avances acadados a favor da infancia. O obxectivo desta celebración é a de lembrar á cidadanía que a cativada é o colectivo máis vulnerable, e, por conseguinte, aquel que sofre máis as crises e os problemas do mundo. Hoxe é un bo momento para chamar a atención e mirar ás nenas e nenos máis desfavorecidos, unha ocasión para subliñar os dereitos da infancia.

A través desta conmemoración lembramos que todos os nenos teñen dereito á saúde, á educación e á protección, independentemente da súa procedencia. Para celebrar esta efeméride, recomendamos a lectura de A pequena Kuna, de Mercedes Pacheco, ilustrado por Vanesa Álvarez.

Publicado na colección Libros para compartir, este álbum conta a historia de Lúa, unha protagonista feminina forte e moi curiosa. Situada na illa Mola-Mola, entre palmeiras, xoga a rapaza, de ollos grandes e escuros. A natureza é un elemento fundamental, xogando como acompañante, ao igual que as estrelas de mar, buguinas e cangrexos amigos.

Amigo do mar,

calma e serenidade.

Non todo é fatalidade

no teu universo de sal.

Amigo do mar, 

alegría e felicidade.

Os alisios chegarán

as bágoas pasarán.

Amigo do mar, 

a sorte vai cambiar.

Os alisios chegarán

o malo levarán.

Amigo do mar,

risas terás

de novo

no teu fogar.

Un bo día, a pequena Lúa coñece a Oli, o navegante dos oceános, e desde aquela, as súas vidas estarán unidas sucando mares e océanos co vento a favor.

Unha fermosa historia que subliña valores tan importantes como a amizade, o respecto á natureza e o diferente.

Mercedes Pacheco naceu en Vigo, rodeada de mar e gaivotas. Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa, xogou coas palabras ata converterse en tradutora e correctora. Recibiu o Premio Lois Tobío 2005 pola tradución de Manhattan Transfer e publicou: Ben-Cho-Shey e a súa xeración (2018), Clara Campoamor y la lucha por el voto feminino (2020), Ao redor da xeración Nós. Catro ourensáns e un rianxeiro (2021) e Saboreando as palabras (2023).

Comparte nas túas redes sociais ou por email