Esta colección, enfocada a público infantil e xuvenil, nace co obxectivo de fornecer os andeis da cativada e adolescentes con historias de todas as temáticas, inscritas no formato banda deseñada.
Os libros Sentinelas da Lúa Carmesí, con guión de Ozo Perozo e Andrés Castro, ilustrado por Alexandre Senande; e A brigada iridiscente, de Elena Andrés, son os títulos encargados de inaugurar esta nova aposta editorial.
Dirixida a público xuvenil, poderíamos definir SENTINELAS DA LÚA CARMESÍ, como unha historia de fantasía, marcada polo misterio, a mitoloxía galega e os monstros. Dous mundos paralelos que cohabitan, o real dos protagonistas, e o fantástico dun bosque poboado de seres mitolóxicos.
A vida empeza cando deixas de soñar e comezas a recordar; así comeza esta historia, conformada pola épica, emotividade, humor e pinguiñas de terror adolescente; ingredientes fundamentais nesta proposta. Sentinelas da Lúa Carmesí, afonda na inmensa riqueza de mitos e lendas de tradición oral de Galicia, conectada coa mitoloxía celta.
A BRIGADA IRIDISCENTE, de Elena Andrés, é unha banda deseñada enfocada a público infantil. Estas páxinas están ateigadas de humor e compañeirismo. Unha pandilla diversa de cinco amigos vivirá unha aventura, durante as festas de verán da súa vila, nos inchables da feira. Alí terán que idear a maneira de saír do labirinto que se forma dentro da atracción.
Serán quen de facelo?