O venres 17 de novembro, celebrarase, ás 12 h, no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, a inauguración da exposición Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito, arredor do homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023, comisariada por Malós Cabrera e Malores Villanueva.
No acto intervirán, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; María Dolores Cabrera Iglesias, vicepresidenta 2ª da Fundación Penzol e co-comisaria da exposición; Xesús Domínguez, director de Produción Galaxia e coordinador da exposición; María Eugenia Bermúdez Fernández, sobriña de Francisco Fernández del Riego; Francisco Fernández Rei, membro numerario da Real Academia Galega; e Concha Losada, presidenta do Museo do Pobo Galego.
Celebrarase un percorrido pola exposición a cargo de Malós Cabrera, co-comisaria da exposición.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Formación Profesional e Universidades, no ano das Letras Galegas 2023, dedicado a Francisco Fernández del Riego, presenta a exposición, baixo o comisaridode Malós Cabrera e Malores Villanueva, a colaboración da Fundación Penzol e a Real Academia Galega e produción de Merlín Comunicación (Grupo Editorial Galaxia), a exposición FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO. “Cos ollos do seu espírito”.
De carácter informativo e didáctico, esta exposición ten a finalidade de dar a coñecer por Galicia adiante a relevante figura de Francisco Fernández del Riego, repasando a súa traxectoria vital e profesional para comprender quen foi, que nos deixou e que implica a súa figura no proceso de consolidación do galego e da súa cultura nos tempos recentes, e, tanto máis, ao coincidir co 60 aniversario da instauración do Día das Letras Galegas (1963-2023), do que foi un dos seus principais promotores, ademais de ser cofundador de Editorial Galaxia, co-director e co-fundador da revista GRIAL e director, desde a súa creación, da Fundación Penzol, dos que tamén se conmemora o seu 60 aniversario.
A exposición consta de 14 paneis informativos e mesas-vitrina con material gráfico e documental ao redor do persoeiro homenaxeado.
A mostra inaugurouse en Lourenzá o 10 de maio, para logo instalarse en Vigo e, por último, en Santiago de Compostela.