“Ramiro Illa Couto. Vibración e músculo do galeguismo”, conferencia con Xosé L. Pastoriza Rozas, en Vigo

Categoría: Nova

O xoves 16 de novembro, celebrarase, ás 19 h, no salón de actos da Casa Galega da Cultura, en Vigo, unha conferencia que leva por título “Ramiro Illa Couto, vibración e músculo do galeguismo. Vida e azares do primeiro secretario da Fundación Penzol”,  con Xosé L. Pastoriza Rozas; profesor da USC e padroeiro da Fundación Isla Couto.

Organizan: Fundación Penzol – Fundación Isla Couto

Colabora: Concello de Vigo

En maio de 1963 constituíase en Vigo a Fundación Penzol, promovida por Fermín Fernández Penzol-Labandera. O seu primeiro secretario foi Ramiro Isla Couto, pioneiro do nacionalismo galego, quen, tras do seu regreso do exilio en Venezuela, en 1957, residía en Vigo.

Neste acto promovido pola Fundacións Penzol e Isla Couto, coa colaboración do Concello de Vigo, Xosé L. Pastoriza, profesor da USC e padroeiro da Fundación Isla Couto, presentará a biografía, aínda pouco coñecida, de Ramiro Isla Couto, un vigués de adopción.

Ramiro Isla naceu en Arnois (A Estrada) o 8 de marzo de 1896 e nou en Vigo o 5 de decembro de 1987. Emigrado en 1911, con 15 anos, á Arxentina, entrou en contacto co galeguismo en Buenos Aires. De regreso a Galicia en 1918, participou na creación da Irmandade Nazonalista Galega (ING) en 1922 tras a asemblea nacionalista de Monforte de Lemos. A nais de 1922 regresou á Arxentina, levando a encomenda de Vicente Risco de constituír, xunto ao escritor Eduardo Blanco Amor, unha delegación da ING en Buenos Aires en agosto de 1923. Para divulgar o ideario do nacionalismo galego, Ramiro e Blanco Amor fundaron en xuño de 1923 a revista Terra. Idearium da ING n’América do Sul, primeira publicación redactada integramente en galego na emigración. Nesta etapa arxentina mantivo unha intensa relación epistolar con Fermín Penzol, activista do nacionalismo galego en Madrid.

En decembro de 1931 volveu de novo a Galicia, participando na creación do Partido Galeguista en Vigo canda o seu irmán, Xaime Isla. En decembro de 1936, após do golpe militar, detivérono e encarcerárono en Verín cando tentaba fuxir a Portugal. Durante os primeiros meses da guerra foi testemuña dos asasinatos e da bárbara represión dos sublevados en Vigo, sendo unha das voces anónimas de denuncia recollidas no libro Lo que han hecho en Galicia. Episodios del terror blanco en las provincias gallegas contados por quienes los han vivido, publicado en París en 1938. No seu piso da rúa García Barbón agochou os irmáns Insua, Manuel e Pepe Castelao, curmáns rianxeiros de Castelao, ata a súa morte e martirio na traxedia do bou Eva, no Berbés, en abril de 1937.

Exiliouse no Porto (1937) e Francia (1938). Por encomenda de Castelao, foi responsable da xestión da saída dos refuxiados galegos en Francia cara a México e Chile no verán de 1939. Residiu en México, Colombia e Venezuela, colaborou co Partido Galeguista do exilio e na publicación do Cancioneiro da loita galega (México, 1943), representou a Galicia en Galeuzca (Colombia) e colaborou coa creación da Casa de Galicia en Caracas; tamén actuou como representante de Editorial Galaxia en Venezuela. Co regreso a Galicia, en 1957, recuperou o contacto co vello amigo Fermín Penzol, sendo nomeado primeiro secretario da Fundación Penzol (1963), á que realizou valiosas doazóns.

En 1986 recibiu a Medalla Castelao da Xunta de Galicia. Finou en decembro de 1987 en cas do seu irmán Celso, na viguesa rúa da Laxe, ollando o mar que tanto amou e tantas veces cruzou como peregrino do galeguismo polo mundo, como o de niu Ramón Piñeiro. Na súa memoria, a Universidade de Vigo creou a Cátedra Ramiro Isla Couto e o seu irmán Xaime promoveu a constitución en 1987 da Fundación Isla Couto.

Comparte nas túas redes sociais ou por email