Un camiño á liberdade

Categoría: Nova

Esta fin de semana celebrarase, o sábado 25 de novembro, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha data que reivindicamos cada día, de maneira individual e colectiva en prol da igualdade entre homes e mulleres.

Dende Editorial Galaxia, amosámonos e participamos nunha posición activa na loita feminista. Este día é tan só un recordatorio do que se debe defender cada día: a liberdade, a igualdade de oportunidades, a diversidade e a equidade nos coidados.

A través de diferentes publicacións, reivindicamos a necesidade de posicionarse nesta loita que como fin último busca a liberdade para todas as persoas. 

Moitas autoras soñan e difunden a través das páxinas dos seus libros, un futuro mellor, é por isto que hoxe reivindicamos o seu labor e recomendamos algúns dos moitos libros feministas que forman o noso catálogo:

RETRATOS DE VODAS, PARTOS E FUNERAIS, de Silvia Penas. A poeta ofrece un retrato persoal, no que destaca a fuxida. Unha poesía marcada pola sororidade, na que a voz poética é quen de mirarse noutras mulleres, que esparexen a memoria e o herdo, a beleza e a escuridade da ferida.

EVA E LUCY, de Cris Pavón. Nesta novela, as mulleres protagonistas de Eva e Lucy amosan e agochan as súas estratexias para vivir, para loitar por un lugar no mundo, para acougar a dor.

Un debullar nas biografías de antecesores próximos e remotos, unha pescuda da construción da identidade.

FEMINISMO EN CEN PALABRAS, de Luca Chao. Publicado na colección Feminismos, este libro supón un convite ao pensamento, unha modesta introdución a unha forma concreta de mirar e nomear o mundo que nos rodea. Un achegamento a un corpus teórico mínimo, esencial, que facilite a comprensión de certos conceptos básicos da teoría feminista. E tamén unha invitación a ir máis alá, a aventurarse nas teorías e nas autoras que se mencionan, unha porta sempre aberta á discusión.

SON UNHA NENA. SUFRIREI DISCRIMINACIÓNS E VIOLENCIA SEXUAL?. De varias autoras, pertencente á colección Feminismos, este libro formula unha análise das diferentes formas de expresión da violencia sexual, encadrando estas experiencias ao longo da vida das mulleres, xa que en numerosas ocasións non son feitos illados, senón un continuo de múltiples violencias.

Para a cativada:

LAURA E A RANDEEIRA ESPACIALde Rocío Ovalle, ilustrado por Nuria Díaz. Unha historia que nos presenta unha protagonista forte e segura de si mesma. Laura é unha nena curiosa que quere ser astronauta, e ten unha randeeira coa que cada quen chega tan alto como é capaz de soñar. Un libro que invita a que todas as nenas proxecten ao máximo o seu potencial.

O MUNDO DE CORES DE ROQUE E LÍA, de Paula Suárez, ilustrado por Nuria Díaz. Unha historia que abraza a diversidade e a liberdade de ser, defendendo valores como a amizade ou o compañeirismo.

Seguimos camiñando, xuntas, en busca dun horizonte ateigado de liberdade.

Comparte nas túas redes sociais ou por email