A poeta viguesa, autora de Retratos de vodas, partos e funerais, debuta na colección Dombate de Editorial Galaxia.
No poemario Retratos de vodas, partos e funerais, Silvia Penas ofrece un retrato persoal, no que destaca a fuxida. Unha poesía marcada pola sororidade, na que a voz poética é quen de mirarse noutras mulleres, que esparexen a memoria e o herdo, a beleza e a escuridade da ferida.
Esta obra é a constatación dunha fenda en cada foto tirada con palabras, como unha ruta que a lingua trazase polo medio da imaxe para pronunciarse a si mesma.
Silvia Penas (Vigo, 1980) é poeta, creadora artística e performer. Entre as súas obras destacan Biografía da multitude (2010, Premio Victoriano Taibo, en coautoría con Elvira Riveiro), As uñas crecen (2013, Premio Manuel Lueiro Rey), Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores (2015, Premio de Poesía Avelina Valladares), Fronteira paraíso (2021), con fotografías de Jesús Andrés Tejada e un disco homónimo a cargo de Cintaadhesiva, e o poemario O resto é céu (en portugués).