Un ano de premios

Categoría: Nova

Neste ano 2020 celebramos o 70 aniversario de Editorial Galaxia, o centenario da Xeración Nós e multitude de premios que tivemos a honra de recibir. Títulos moi diversos déronnos moitas alegrías acadando premios de moito prestixio.
No mes de outubro, sorprendíanos a noticia de que o poemario Atlas, de Alba Cid, recibira o Premio Nacional de Poesía Xove ‘Miguel Hernández’. Un galardón do máis alto nivel que avala a altísima calidade da escrita poética de Cid.
Berta Dávila, que gañou o Premio García Barros 2019 con Carrusel, engadiu un galardón máis á lista con esta novela que acadou, tamén, o Premio da Crítica Española 2019.
Anarquistas galegos en América, de Bieito Alonso, gañaou o Premio da Crítica de Galicia, na categoría de Investigación. O xurado, salientou a investigación rigorosa, propia e sintética que defende o libro.
Najla Shami acadou o Premio Martín Códax da Música, na categoría Músicas do Mundo, co seu libro disco Ela sabe a sol. Unha obra de fermoso mestizaxe cultural que calou nos corazóns do público.
Na V Gala do Libro Galego, o xurado concedeulle o premio, na categoría de Divulgación, ao libro A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Casto Rivadulla Fernández, ilustrado por Nuria Díaz. Na categoría de Iniciativa bibliografía, a obra escollida foi Castelao. Contrutor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane.
Todos eles son premios que demostran a boa saúde das nosas escritoras e escritores. Recoñecementos que nos enchen de felicidade.

Comparte nas túas redes sociais ou por email