A Editorial Galaxia estivo, un ano máis, presente nunha edición do Culturgal moi diferente. A feira adaptouse aos tempos, ofrecendo moitas novidades, nun formato marcado pola semipresencialidade. Celebrouse en Pontevedra, entre os días 27 e 29 de novembro, baixo o lema En caso de emerxencia, cultura.
Galaxia presentou unha programación moi variada que, no sábado 28, abrangueu dende a presentación do libro Unha xustiza en diálogo co país. Conversas con Carlos Varela, de Ruth Novoa, coa participación de Carlos Varela, ex fiscal xefe de Galicia, Francisco Castro, editor e director xeral de Editorial Galaxia, Xosé Xoán Barreiro, presidente de Sección Segunda da Audiencia, Consuelo Castro, avogada xeral do Estado, e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; ata performance, con Rosalía Fernández Rial e o seu poemario Árbores no deserto.
O domingo estivo marcado cun toque musical, con concertos para os máis cativos, a cargo de Pakolas, que presentou Ramona Órbita. A dona do tempo, e Fina Casalderrey e Néstor Blanco, co libro-disco Lingua guapa. Cantos que contan.
Pola tarde, Francisco Castro, presentou, xunto co tradutor Carlos Aymerich Pandemia! A covid-19 sacode o mundo, de Slavoj Zizek. No mesmo bloque, que levaba por título Pandemia, presentou, xunto con Xurxo Souto, a novidade editorial Pangalaica. Recortes poderosos.
Nesta edición, tamén houbo espazo para os premios pois, da man da Deputación da Coruña, presentouse, a través dunha conversa co deputado de Cultura Xurxo Couto, os premios de narrativa Torrente Ballester 2019, con Antón Riveiro Coello, autor de O paraíso dos inocentes, na que participou Francisco Castro, xunto con Álex Alonso, autor de Granito (Xerais) e o editor Fran Alonso, director de Xerais.
Celebrouse a presentación de Flores de ferro, Premio García Barros 2020, de María Rei e Illa Decepción, de Berta Dávila, a través dunha conversa entre as súas autoras. Dávila foi a gañadora do Premio García Barros en 2019 con Carrusel.
A figura do senlleiro Castelao tamén estivo presente, da man de Miguel Anxo Seixas Seoane, que vén de publicar Castelao. Construtor da nación. Tomo II. 1931 – 1939, e Ana Santiso, ilustradora da edición especial Alba de groria, de Castelao. Dous autores que coñecen, dende puntos de vista diversos a figura do rianxeiro e que, a través das súas verbas, proxectaron luz sobre a súa personalidade.